71 deputadas ocuparon escano por Galicia no Congreso dende 1977, un 22% dos posibles

11/03/2019 13:07:32
71 deputadas ocuparon escano por Galicia no Congreso dende 1977, un 22% dos posibles

28 representaron a A Coruña e outras tantas a Pontevedra, 13 a Ourense e Lugo so contou con duas parlamentarias en 42 anos

A representación feminina galega no Congreso dos Deputados está moi por debaixo da dos homes dende a lexislatura constituínte de 1977 ata a actualidade, aínda que a súa presencia nos escanos progresou de maneira notable. Nese período foron 71 as mulleres que obtiveron acta de deputadas polas catro provincias galegas, o que significa un 22% do total, aínda que nos 42 transcorridos esa porcentaxe variou sensiblemente, posto que nas lexislaturas de 1977, houbo tres deputadas por Galicia (21 en toda España); na de 1979, tres (24 en España); na de 1982, unha (tamén 23 a nivel nacional), e na de 1986, igualmente unha das 33 que lograron acta parlamentaria polo total do Estado.

A partires de 1989 acelérase a progresión da presencia feminina no Congreso, con 54 deputadas, aínda que ese aumento non se reflicte en Galicia, con so 3 deputadas elixidas. Sería dende a seguinte lexislatura, en 1993, cando a presencia galega feminina iniciou o camiño ascendente. Nese mesmo ano foron catro, que pasaron a cinco en 1996, outras cinco no 2000. Na lexislatura que se abriu en 2004 houbo oito deputadas por Galicia, que se converteron en 12 no 2008. Dáse a circunstancia de que nese período parlamentario aparece a primeira muller parlamentaria na Cámara Baixa pola provincia de Lugo, que correspondeu a Raquel Arias Rodríguez, ata daquela alcaldesa de Sober e logo delegada da Xunta en Lugo e hoxe parlamentaria no Pazo do Hórreo. Iso ocorreu 31 anos despois das primeiras eleccións constituíntes.

En 2011 volveu a baixar a representatividade a 8 deputadas, que pasarían a 9 na breve lexislatura iniciada o 13 de xaneiro de 2016 e que rematou o 19 de xullo do mesmo ano, a máis breve da democracia ó non ser posible a constitución de Goberno. No último período dos últimos dous anos e medio e que está a piques de rematar, hai 9 parlamentarias por circunscricións galegas. Nesta lexislatura, houbo outras tres galegas, pero que accederon o pazo da Carreira de San Xérome por outras provincias, como é o caso da compostelá Carolina Bescansa, de Podemos;  Marta Rivera de la Cruz, por Ciudadanos, e María del Mar Blanco Garrido, polo PP (irmá de Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP en Ermua, asasinado por ETA en 1997). As tres concorreron por Madrid.

Hoxe, á porcentaxe de deputadas no Congreso supera lixeiramente o 41%, lonxe do 6% de 1977 ou de 1982. A honra das pioneiras galegas nesta aventura da representatividade electoral na España moderna da democracia recaeu sobre María Vitoria Fernández-España, de Alianza Popular, e Nona Inés Vilariño, de UCD, pola provincia de A Coruña, mentres que Elena Moreno González, tamén da UCD, o facía por Pontevedra. As tres repetiron na primeira lexislatura constitucional que se abriu en 1979, en tanto que na de 1982, so quedou Fernández-España.

Por provincias, A Coruña e Pontevedra, obteñen o maior número de representantes femininas na serie electoral  histórica, con 28 cada unha. Por detrás está Ourense con 13 e na última posición Lugo, que sorprende con so dúas deputadas en 42 anos. Curiosamente, as dúas na mesma lexislatura: Raquel Arias, que entrou no Congreso en 2008 e deixou a súa acta na primavera de 2009 para facerse cargo da delegación da Xunta en Lugo, e Olga Iglesias Fontal, que precisamente substituíu á anterior. Nesta lexislatura, a tamén luguesa Pilar Barreiro Álvarez, avogada e profesora, foi elixida deputada, pero pola circunscrición de Murcia, onde nese momento era alcaldesa de Cartagena, cidade na que estaba afincada dende a súa xuventude; en 2011, volveu a repetir no Congreso e en 2015 foi elixida senadora.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí