Máis de 700 persoas ou institucións foron galardoadas coas medallas Galicia e Castelao en 35 anos

15/04/2019 13:03:36
Máis de 700 persoas ou institucións foron galardoadas coas medallas Galicia e Castelao en 35 anos

Foron instauradas en 1984 e os primeiros premiados foron Castelao e Carballo Calero, Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Emilio González López, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Parga Pondal e Paz Andrade

Máis de setecentas persoas, institucións ou colectivos foron galardoados coa Medalla de Ouro de Galicia e coa Castelao nos últimos 35 anos. As medallas foron instituídas pola Xunta en 1984 para distinguir ou recoñecer os méritos acadados ou o papel xogado na sociedade galega. A de Galicia, con varias categorías, é a máxima distinción de honra outorgada pola Administración autonómica a persoas ou entidades por méritos contraídos ó servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica, segundo reza na xustificación da súa creación.

Coa medalla Galicia foron condecoradas 78 persoas na categoría de ouro; 171 na de prata e 232 na de bronce, en tanto que a medalla Castelao recoñeceu o labor de 243 persoas. O primeiro premiado coa Galicia na categoría de ouro foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos impulsores e fundadores da Xeración Nós e un dos pais do movemento nacionalista que desembocaría no primeiro Estatuto de autonomía que chegou ó Congreso dos Deputados no verán de 1936. O segundo galardoado foi o rei Juan Carlos (1985) e o terceiro, Antonio Rosón Pérez, a título póstumo, que foi o primeiro presidente do Parlamento galego.

Precisamente Castelao foi tamén distinguido  a título póstumo coa primeira edición da medalla que leva o seu nome (de categoría única), e coa que se pretende  distinguir a obra artística, literaria, intelectual ou de calquera outro tipo dunha figura galega.

Nos sete lustros transcorridos na historia de ambos galardóns están recoñecidos boa parte de  aqueles que  se significaron na construción da autonomía e o artellamento e desenvolvemento da sociedade galega, aínda que no caso da Medalla Galicia, ocasionalmente tamén recoñeceu a figuras de relevancia mundial pola súa significación. Na nómina dos premios hai tamén unha xenerosa representación de persoas e institucións naturais ou radicadas en Latinoamérica.
Despois das tres primeiras edición produciuse unha pausa coincidindo coa etapa de goberno do tripartito que presidiu Fernando González Laxe. A concesión da Medalla Galicia recuperouse en 1990 coa chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta. A concedida nese ano correspondeu ó Centro Galego de Bos Aires; no ano seguinte foi para o gravador ourensán Julio Prieto Nespereira, a partir do cal viría unha etapa na que predominarían personalidades e líderes estranxeiros, como o papa Juan Pablo II ou o daquela presidente portugués Mario Soares.

En 1994 produciuse outra novidade ó concederse a máis dun galardoado, que nesa edición foron Luís Alberto Lacalle e Carlos Saúl Menem, presidentes de Uruguai e Arxentina, respectivamente, coincidindo coa forte expansión da Xunta no estreitamento de relacións cos países con destacada presencia de emigrantes galegos. En 1995 foi a quenda para o presidente de Paraguai, Juan Carlos Wasmosy, que compartiu premio ca Universidade de Santiago e a Agrupación Táctica Galicia (unidade militar que ten participado en misión internacionais). Neses anos aínda houbo máis persoeiros estranxeiros premiados, xa que no seguinte, foi o presidente de Portugal, Jorge Sampaio, xunto co Museo de Pontevedra; en 1997, o presidente de Uruguai, Julio María Sanguinetti e a fábrica do grupo PSA en Vigo (Citroën), pola aportación que fai á economía e a sociedade galega. No 1998, os premiados foron Álvaro Arzú e Fernando Henrique Cardoso, presidentes de Guatemala e Brasil, respectivamente; con eles, Antonio María Rouco Varela, ilustre vilalbés e cardeal arcebispo de Madrid.

A partires desa data abriuse o abanico con nomes procedentes de outros ámbitos, como Andrew Willoughby Ninian Bertie, gran Mestre da Orden de Malta, o escritor brasileiro Paulo Coelho, Miguel Ángel Rodríguez Echevarría, presidente de Costa Rica, e Angelo Sodano, secretario de Estado da Santa Sede; Manuel Cordo Boullosa, empresario e mecenas galego que fixo toda a súa carreira profesional en Portugal; Gustavo Noboa, presidente de Ecuador; Caixa Galicia, Fernández del Riego ou Eugenio Granel.
Nas edición seguintes seguen tendo protagonismo dirixentes políticos de todos os signos, pero tamén intelectuais e profesionais destacados. Entre os primeiros, Loyola de Palacio, Francisco Álvarez Cascos, Rodolfo Martín Villa, ademais dos ex-presidentes da Xunta: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne e Emilio Pérez Touriño. Estes últimos foron premiados en 2009, no primeiro ano de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno autonómico. Logo, practicamente desapareceron os políticos, agás o presidente portugués Anibal Cavaco Silva, que recibiu a medalla en 2017.

Hai empresas e colectivos, como a Asociación de Vítimas do Terrorismo, os xornais Faro de Vigo e El Correo Gallego, Real Academia Galega, Editorial Galaxia, Cabido da catedral de Santiago, Instituto da Lingua Galega, Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, grupo musical Milladoiro, Fundación Penzol, a Once, as vítimas do accidente de Angrois (a título póstumo), xunto con profesionais destacados e intelectuais como o cardiólogo Alfonso Castro Beiras, Isaac Díaz Pardo, Ángel Carracedo, Los Suaves, Manuel Gallego Jorreto, Miguel Ángel Blanco Garrido (concelleiro do PP en Ermua, de orixe ourensán asasinado por ETA), entre outros moitos, ata 481, contando os receptores de medallas de prata e de bronce.
Na nómina das Medallas Castelao están os máis destacados intelectuais e artistas galegos ou vencellados a Galicia, algún deles distinguidos tamén ca Medalla Galicia, como Filgueira Valverde, Cordo Boullosa, Julio Prieto Nespereira ou Neira Vilas, ata 243 galardoados.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí