CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A cantante Sabela, o ex-futbolista Fran e o mago Xacobe serán cómplices dos "Desexos Cumpridos" desta semana

08/04/2014

Lucía Rodríguez dará a coñecer, ás 22.20 horas, novas e emotivas historias no programa da Galega

A cantante Sabela, o ex-futbolista Fran e o mago Xacobe serán cómplices dos "Desexos Cumpridos" desta semana

Santiago, 08.04.2014.- Algo tan sinxelo como ver sorrir un fillo ou unha nai que está pasando un mal momento ou abrazar uns irmáns que non se ven desde hai anos fará esta noite que os protagonistas do programa “Desexos Cumpridos” (22.20 horas) vexan feitos realidade os seus anhelos e ilusións.

José Manuel ten só oito anos e desde que naceu loita contra os problemas derivados dunha parálise cerebral que ata o momento lle impediu camiñar. A súa familia moveu ceo e terra para recadar fondos e facer posible que a súa mellora sexa unha realidade. Coa axuda do mago Xacobe, José Manuel amosará que, por moito que haxa que loitar, a ilusión nunca se perde.

Oito anos son tamén demasiados cando se está sen abrazar os seres queridos. Neste caso trátase da historia duns irmáns aos que a vida e as circunstancias separaron. Esta noite Mercedes vaise reencontrar con dous deles, Pepe e Concha. O momento cheo de emoción contará coa música dunha das artistas favoritas de Mercedes, Sabela.

A música estará presente tamén no programa da man de dous vellos amigos, Carlos e Polo, ex-compañeiros de equipo de fútbol cando militaban nas filas do R.C. Espanyol, que, cando xa pasaban dos 70, propuxéronse dedicarse profesionalmente a outra gran paixón: a música. Esta noite contaranlles aos espectadores da TVG as súas anécdotas e debutarán en televisión como cantantes co seu tema ”O avó”.

Dolores, outra das convidadas esta semana en “Desexos Cumpridos”, é unha muller activa, traballadora e, sobre todo, unha gran seareira do equipo dos seus amores: o Deportivo da Coruña. Tras pasar unha mala época, os seus fillos queren animala e sorprendela cun dos míticos xogadores do Super Dépor, nada máis e nada menos que o seu capitán, Fran

Pola súa parte, Victoria ten un desexo moi claro. Esta muller de 81 anos quere cantar no programa coa coral á que pertence. O que ela non sabe é que esta noite o espazo presentado por Lucía Rodríguez contará a historia da súa vida e terá tamén unha chamada moi especial: a da súa medio irmá, a quen hai anos que non ve.