CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG baila ao son de 'Xunto a ti' de Plan Siberia, gañadora do concurso da canción do verán

23/06/2017

Entre a elevada participación con 57 pezas presentadas, o xurado valorou o alto nivel e a variedade de estilos das aspirantes, e o “son diferente” do premiado

O tema triunfador pode escoitarse xa en www.crtvg.gal/acanciondoveran e, ao longo do verán, estará presente nos distintos programas dos medios públicos galegos

Santiago, 23.06.2017.- Desde hoxe a Galega xa ten a súa canción favorita para este verán. “Alegre, fresca, actual e diferente” son as calidades que decantaron o xurado para  escoller 'Xunto a ti' de Plan Siberia como gañadora do concurso Este verán canta con nós. Gabriel Blanco é o seu autor e quen, co nome de Plan Siberia, recibirá o primeiro premio na súa carreira musical, nun certame que contou cunha alta participación, con 57 candidaturas.

Ademais do premio económico de 1.000 euros, 'Xunto a ti' será a banda sonora da CRTVG este verán, xa que terá difusión en distintos espazos da Televisión de Galicia e a Radio Galega, así como nas súas redes sociais. Tamén pode escoitarse xa en www.crtvg.gal/acanciondoveran, xunto coas cancións preseleccionadas polo xurado e que pasaron á fase final do concurso. 

Plan Siberia dá nome ao proxecto do pontevedrés Gabriel Blanco, de 30 anos, compositor cun amplo rexistro e con formación musical moi influenciada tamén polo seu paso por distintas agrupacións tradicionais. O cantante amósase “moi sorprendido” polo recoñecemento, ao mesmo tempo que define a canción cun “estilo moi surfeiro e popeiro, con toques tradicionais camuflados nos alalás”. El compúxoa, tocou os instrumentos que a forman e foi o intérprete deste tema fresco que é toda unha declaración de amor ás persoas que se vai encontrando na vida pero, sobre todo, inspirada “nunha amizade especial, quen sempre me recibe con ledicia aínda no peor dos meus días, a do meu can Chicho, o meu verdadeiro colega”. 

Para a cantante Lucía Pérez, membro do xurado, a elección foi moi difícil pola gran variedade de estilos. “A canción do verán ten que ser alegre, con ritmo, pegadiza... foi moi complexo porque había estilos moi diferentes”, sinalou. Pola súa parte, o presentador Xosé R. Gayoso, tamén un dos responsables da elección de 'Xunto a ti', sinalou a maiores o gran nivel das cancións presentadas, aínda que para el foi determinante que “había algunhas moi innovadoras, pero apareceu a gañadora e soou diferente”.

O xurado completouse coa participación da xefa de Contidos da TVG, Montse Besada; con Tania Fernández Lombao, xefa de Programas da Radio Galega, e con Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG. Todos eles destacaron a gran calidade e orixinalidade dos temas presentados e lles agradeceron a todos os concursantes a súa participación nesta iniciativa, que estaba aberta tanto a profesionais como a afeccionados.