CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Aberto o prazo ás empresas para a presentación de propostas de creación dunha plataforma dixital de contidos infantís

14/03/2019

A información atópase na web contratosdegalicia.gal e o prazo remata o 8 de abril

Aberto o prazo ás empresas para a presentación de propostas de creación dunha plataforma dixital de contidos infantís

Santiago, 14.03.2019.- AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de facer pública a licitación do servizo de deseño, desenvolvemento, implementación e demostración dunha plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas no ámbito formativo para nenas e nenos entre 6 e 16 anos, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (AMT-2019-0021). O prazo para a presentación de propostas remata o vindeiro 8 de abril.

En xullo pasado, a CRTVG e AMTEGA asinaron un convenio para levar a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica dirixidas aos centros de ensino galego. CRTVG e AMTEGA impulsarán a modernización e innovación tecnolóxica nos colexios de educación primaria e secundaria a través da creación dunha plataforma dixital para contidos interactivos. Con este fin, desenvolverase a tecnoloxía necesaria para incorporar novidades como as segundas pantallas, creando contidos específicos baseados na realidade aumentada, realidade virtual para dispositivos móbiles, etc. As dúas institucións públicas levarán a cabo tamén un segundo proxecto de análise de datos, que procese os comportamentos e necesidades da audiencia para a posterior creación de canles multimedia audiovisuais que satisfagan as súas demandas, a través da análise de Big Data.

Esta acción encádrase, na CRTVG, dentro da Área de Innovación e Negocio e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.

Este acordo, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Feder Galicia 2014-20, terá unha vixencia de catro anos, prorrogables, en que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica precisa para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela. O orzamento destinado será de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80 % con Fondos Feder, e CRTVG contribuirá con 650.000 euros ao acordo.

Na foto superior,'workshop' de presentación, celebrado por CRTVG e Amtega o mes de novembro pasado en San Marcos, para o desenvolvemento de proxectos innovadores.