CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Bamboleo' recibe hoxe no seu escenario a Los Secretos, historia viva da música española

13/04/2019

O programa presentado por Lucía Regueiro ofrecerá tamén as actuacións da Companhia do Ruído e da orquestra Charleston Big Band

'Bamboleo' recibe hoxe no seu escenario a Los Secretos, historia viva da música española

Santiago, 13.04.2019.-  'Bamboleo' (22.00 h.), o programa da Televisión de Galicia da noite dos sábados, recibirá hoxe no escenario o mítico grupo madrileño Los Secretos, un dos referentes do pop nacional e banda sonora de varias xeracións de españois. A banda acaba de rematar a súa exitosa xira do 40 aniversario e agora está inmersa na preparación e presentación do seu novo disco, ‘Mi paraíso’. Deste xeito, os espectadores poderán escoitar esta noite temas que forman parte da historia musical española, coma ‘Déjame’ e ‘Pero a tu lado’.

Coma sempre, no espazo da TVG hai lugar para a música galega e o seu representante desta semana será A Companhia do Ruído, banda de world-music cuxa proposta é unha orixinal cocteleira de estilos en que a irreverencia e a retranca son as capitás dunha viaxe que parte da música popular galega para chegar a ritmos de latitudes internacionais coma os caribeños ou balcánicos. Con máis dunha década sobre os escenarios, teñen publicados sete discos e están a elaborar o seu oitavo traballo discográfico, que será lanzado ao longo deste ano.

O programa presentado por Lucía Regueiro ofrecerá tamén a actuación da orquestra Charleston Big Band, que interpretará temas tan coñecidos ‘Déjala que baile’ e ‘El anillo’.

Ademais, 'Bamboleo' contará hoxe, coma cada sábado, coas súas seccións habituais. En ‘Agora ou Nunca’, dous participantes, Lucía Tarrio e José Ramón Agra, amosarán os seus dotes artísticos. A primeira, interpretando ‘Hago chas y aparezco a tu lado’, de Álex y Cristina, e a segunda, con ‘Hoy tengo ganas de ti’, de Alejandro Fernández. En a ‘ITV do amor’, o obxectivo será  acertar cal é a verdadeira parella dunha persoa.

‘Déixate de juasá!’ animará a Rafa e Victoria a prescindir de trebellos tecnolóxicos e dicir as cousas á cara, e ‘A Jrileira’ enfrontará ao karaoke dous concursantes: Yago e Carla, que interpretarán ‘Corazón contento’, de Marisol. Ademais, en ‘Dirtidansi’, a parella formada por Javi e Cris bailará salsa e showdance.