CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

O programa "Bamboleo" recibe esta noite no escenario o dúo musical Azúcar Moreno

21/04/2018

Tamén actuarán a orquestra Metrópolis e Ruxe Ruxe, senlleiro grupo da música rock galega (22.05 h.)

O programa "Bamboleo" recibe esta noite no escenario o dúo musical Azúcar Moreno

Santiago, 21.04.2018.-   O espazo de música e entretemento “Bamboleo” convida esta noite as irmás Salazar, Azúcar Moreno, a subir ao escenario. Toñi e Encarna, que levan máis de 30 anos de carreira e que chegaron a representar a España no Festival de Eurovisión, interpretarán temas como “Que me quiten lo bailao”, “No me des guerra” e “Quitémonos la ropa”.

Tamén actuarán esta noite no programa a orquestra Metrópolis e Ruxe Ruxe, senlleiro grupo da música rock galega que, coa súa persoal proposta musical, baseada nunha contaxiosa fusión de rock, punk, folk, música tradicional e ska, celebrou xa 20 anos espallando a súa música por toda a xeografía galega.

No escenario tamén estarán Alys Parama, interpretando “Adagio”, de Lara Fabián, e Awatif el Arfaoui, co tema “Man down”, de Rihanna, competindo ambos os dous na sección “Agora ou Nunca”.

Coma sempre, “Bamboleo” ofrecerá tamén as seccións “A ITV do amor”, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; “Déixate de Juasá”, que animará a Conchi e Paula a prescindir de tanto trebello tecnolóxico; “A Jrileira”, onde Amelia e Jorge se enfrontarán ao karaoke cantando “Havana”, de Camilla Cabello, e “Dirtidansi”, en que parellas de distintas xeracións bailarán hoxe tango, bachata, salsa, rumba e bolero.

ler máis

O "Aquí Galicia" acode esta tarde ás festas de Corcubión, onde gozará da súa contorna e da súa riqueza artística e gastronómica

21/04/2018

O espazo que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña (16.25 h.) achegaralles aos espectadores as estrelas da súa cociña: o polbo, a empanada de mazá, o pan de ovo e a torta de améndoa

O "Aquí Galicia" acode esta tarde ás festas de Corcubión, onde gozará da súa contorna e da súa riqueza artística e gastronómica

Santiago, 21.04.2018.-    O “Aquí Galicia” viaxará hoxe a Corcubión, xa que a vila celebra a súa festa patronal en honra a San Marcos. O festexo servirá como escusa para que o equipo do programa coñeza a súa paisaxe e as súas riquezas artísticas e culinarias.

Falando de gastronomía, o espazo que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña achegaralles aos espectadores as estrelas da súa cociña: o polbo, con seis preparacións diferentes; a empanada de mazá, coñecida como coca; o pan de ovo e a torta de améndoa.

“Aquí Galicia” comezará o percorrido polo paseo marítimo da localidade. Coñecerá tamén a praza Castelao, as casas burguesas e as igrexas da zona. Na contorna descubrirá o cabo Cee, o castelo do Cardeal, o campo de san Roque e o miradoiro de Ramón Pais.

Despois de facer un repaso polas festas máis destacadas da vila, os mariñeiros e mariñeiras falarán da estreita relación de Corcubión co mar. “Aquí Galicia” compartirá, amais, unha xornada cos rapaces dos colexios da zona que participan no programa ‘O mar na escola’, co que se pretende achegar o mundo do mar aos máis pequenos.

Coma en todo gran festexo, o programa contará coas actuacións da orquestra Trébol, da Banda de Música de Cee, do cantante muradán Gonzalo Brea, do grupo de danza tradicional Xaldón, das pandeireteiras As Xaviñanas e As Rinchonas, do grupo de baile Nerio e unha peza dos grupos Peta Forte e Terra de Sena.

ler máis

"Vivir Aquí" fará hoxe balance dos últimos meses pasados por auga, en que Galicia enlazou unha borrasca tras outra

21/04/2018

Os reporteiros do programa (15.45 h.) comprobarán se esa chuvia case constante aliviou a seca

"Vivir Aquí" fará hoxe balance dos últimos meses pasados por auga, en que Galicia enlazou unha borrasca tras outra

Santiago, 21.04.2018.-   Despois de varios meses cunha borrasca detrás doutra, Galicia está metida de cheo na primavera e por fin comezaron a subir os termómetros e a saír o sol. Se o ano pasado deixou a preocupación da seca, este comezou pasado por auga. Así que o programa “Vivir Aquí” quere comprobar hoxe se esa chuvia case constante aliviou a escaseza de meses pasados.

Os reporteiros da TVG visitarán o concello de Galicia onde máis chove e os lugares onde convidados inesperados como Félix ou Gisele, se presentaron con vento, ondas e escuma ata o pé das casas.

Ademais, “Vivir Aquí” falará co director de Aemet en Galicia, irá a lugares onde gandeiros e veciños viviron con preocupación a seca e comprobará como o agro se adapta a estes cambios tan repentinos.

ler máis

Blas Cantó presenta esta noite o seu último sinxelo en "Luar", que tamén contará coa presenza do arpista Rodrigo Romaní

20/04/2018

O espazo da TVG tamén contará coa presenza de dúas cantantes ás que a vocación lles vén de familia: Chayo Mohedano e Celia Flores

Blas Cantó presenta esta noite o seu último sinxelo en "Luar", que tamén contará coa presenza do arpista Rodrigo Romaní

Santiago, 20.04.2018.-   O cantante murciano Blas Cantó estará esta noite en “Luar” para ofrecer un adianto do seu novo disco, que verá a luz esta primavera. Tras o éxito de “In your bed” (que tamén cantará no programa) e “Drunk and Irresponsible”, presenta agora “Él no soy yo”, o seu primeiro sinxelo en español, unha canción con influencias pop-folk que o consagra coma unha das promesas da música en España.

Tamén estará hoxe no escenario de “Luar” Rodrigo Romaní, o máis recoñecido arpista galego. O música presentaralle ao público e á audiencia o seu último disco, “Fíos de ouro no ár”, un álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, de discursos entreverados con alusións a músicas de diversas orixes en que a tradición oral da música popular vertebra un produto inconfundiblemente galego.

Por outro lado, o espazo da TVG recibirá a visita de dúas cantantes ás que a vocación lles vén de familia: Chayo Mohedano e Celia Flores. A sobriña de Rocío Jurado interpretará o seu último sinxelo, “A la que venga”, mentres que a filla de Marisol cantará temas do disco homenaxe que lle dedicou á súa nai: “20 anos de Marisol a Pepa Flores”.

A proposta musical do “Luar” desta semana complétase coas actuacións da agrupación folclórica A Pastoriza, da formación Airiños de Orzabai, do grupo de baile tradicional Armadanzas de Laraño, do grupo folclórico Aires do Pilar e do grupo de coros e danzas salmantino Montaraces y Charros.

No tempo de “Recantos”, enfrontaranse nesta ocasión María Vidal, de Terras de Ordes, e Marc Alonso, representante da comarca de Bergantiños. Finalmente, no concurso “Vai de Baile” será a quenda dos dúos Rebuxeiros de Beiramar e Firmenus Melitonus.

ler máis

A explosiva Alba Carrillo acode este xoves a pintar a mona ao "Land Rober Tunai Show"

19/04/2018

A modelo participará en sketchs e en distintas probas, que avaliarán o seu sentido do humor

A explosiva Alba Carrillo acode este xoves a pintar a mona ao "Land Rober Tunai Show"

Santiago, 19.04.2018.-  Este xoves volve a revolución ao “Land Rober Tunai Show” (22.15 h.) coa visita de Alba Carrillo. A modelo converterase na noiva de Xosé Antonio Touriñán por uns minutos que deixarán os espectadores coa boca aberta. Serán a parella do momento ou o pasado volverá para facer das súas?

Por se isto fose pouco, a convidada desta edición enfrontarase ao maior reto da televisión, xa que unha noite máis volven as palabriñas máis rebuscadas no ‘Que me estás contando?’.

Coma cada xoves, a audiencia gozará tamén dos mellores sketchs e os retos máis divertidos con Roberto Vilar, Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias.

ler máis

A TVG, líder absoluta de audiencia en Galicia segundo a última onda do Estudio Xeral de Medios

18/04/2018

Os medios públicos galegos sacan unha distancia de máis de cinco puntos ao segundo competidor, a privada Antena 3

Na faixa de Informativos, a CRTVG case duplica o segundo e é líder cunha cota do 27,6%

A nova Radio Galega Música irrompe no escenario cunha suba do 36% de audiencia

A TVG, líder absoluta de audiencia en Galicia segundo a última onda do Estudio Xeral de Medios

Santiago, 18.04.2018.-   A TVG lidera a primeira onda do EXM de 2018 en Galicia e tamén o fai no acumulado anual. O liderado da TVG en Galicia é absoluto no cómputo semanal nesta primeira análise do Estudio Xeral de Medios, feito público hoxe, acumulando unha cota do 18,7% de luns a domingo. A canle máis próxima, a máis de 5 puntos de distancia, é a televisión privada Antena 3.

ler máis

A TVG celebra o 15º aniversario de Os Dous de Sempre, o célebre dúo cómico formado por Touriñán e Pereiro

18/04/2018

O programa especial “Volve Mucha e Nucha. 15 anos ten Ardebullo” fará un percorrido por todos os momentos cheos de gargalladas que lle brindaron á audiencia

A TVG celebra o 15º aniversario de Os Dous de Sempre, o célebre dúo cómico formado por Touriñán e Pereiro

Santiago, 18.04.2018.-  Os Dous de Sempre, o célebre dúo cómico formado por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro, fan 15 anos xuntos, así que a Televisión de Galicia emitirá un programa especial este mércores á noite para celebrar tal acontecemento. Coa súa peculiar retranca, Os Dous de Sempre celebrarán este aniversario no especial “Volve Mucha e Nucha. 15 anos ten Ardebullo”.

O programa fará un percorrido por todos os momentos cheos de gargalladas deste mítico dúo cómico formado por Touriñán, que conseguiron meterse nas casas dos galegos e galegas e levan 15 anos facendo rir a fartar os espectadores. Desde as famosas Cantareiras, as dúas irmáns máis coñecidas de Galicia, que puxeron Ardebullo no mapa coas súas versións musicais e as trasnadas das fillas da Conexa, Mucha e Nucha, ou as creacións máis sorprendentes de Xosé Ramón e o seu pinche Moncho, pasando polos efectivos dispositivos de Silveira e Fandiño coa súa Protessión Sivil.

Xuntar todos os personaxes que encarnan traducirase esta noite nun inevitable sorriso para a audiencia, á que a TVG convidará a brindar por moitos anos máis rindo con Os Dous de Sempre.

ler máis

Xabarín celebra o seu 24 aniversario este mércores na tvG2 cun concerto 'oinkplugged'

17/04/2018

Á hora da merenda, Silvia Superstar, Javier Soto, Víctor Coyote, Nicolás Pastoriza ou Woyza, entre outros artistas, interpretarán algunhas das cancións orixinais en galego que compoñen a banda sonora do programa infantil e xuvenil da Galega

O porco bravo máis famoso da televisión premia tamén cuns agasallos moi musicais os fieis seguidores que participen na pregunta quincenal do 'Xabarín Club'

Xabarín celebra o seu 24 aniversario este mércores na tvG2 cun concerto 'oinkplugged'

Santiago, 17.04.2018.-  O Xabarín celebra este mércores o seu 24 aniversario con máis ganas de festa e diversión ca nunca. O rei dos porcos bravos quere agradecerlles aos espectadores que, desde a súa aparición en abril do 94 en televisión, a súa fama non deixou de crecer, ao igual que o seu club de amigos, cos que xa supera os 143.000 socios con carné. Ademais deste apoio, neste tempo, sete discos, un cento de actuacións e milleiros de programas son motivos máis que relevantes para que esta data non pase sen compartila coa audiencia cunha boa celebración.

Para iso, e como non podía ser doutro xeito, Xabarín e música irán da man. O porco bravo máis famoso da televisión cita os seus fieis seguidores a gozar á hora da merenda dun concerto oinkplugged na tvG2. Trátase do último concerto en vivo ofrecido en homenaxe á estrela do 'Xabarín Club', en que se incluíu un repertorio de versións inéditas, escollido entre as máis de 100 cancións orixinais en galego que compoñen a banda sonora do programa infantil-xuvenil da Galega.

O concerto correu a cargo da 'Xababanda dos catro', creada para a ocasión, dirixida por Pablo Novoa e Julián Hernández e composta por Marcos Viascón e Pancho Álvarez, ademais de contar coa colaboración doutros músicos como Fernando Abreu e Rómulo Sanjurjo. Contou, amais, coa presenza de sete artistas convidados para interpretar 15 temas: Silvia Superstar, Javier Soto, Víctor Coyote, Nicolás Pastoriza, El Puto Coke, Woyza e Juanillo Esteban.  

ler máis

Chega o gran día para Héctor e Carmela en "Viradeira", que esta noite emite o último capítulo da temporada

17/04/2018

Coas coordenadas do Augusta no seu poder e o científico entretido na súa propia voda, os “trangalleiros” irán tras o tesouro

Chega o gran día para Héctor e Carmela en "Viradeira", que esta noite emite o último capítulo da temporada

Santiago, 17.04.2018.-  Por fin chegou o gran día en “Viradeira” (22.35 h.), que hoxe emite o último capítulo da temporada. Dorneda acolle por fin a voda do ano, en que se unirán en matrimonio Carmela, a dona do mesón, e Héctor, o científico que chegou á vila na busca dun tesouro e que semella que se fixo co máis valioso de todos. Pero, lonxe de ser un día tranquilo para os noivos, os problemas xurdirán a cada paso.

E é que Héctor está enfadado coa súa nai por ocultarlle a separación do seu pai e agora non quere que asista á cerimonia. Pola súa parte, Carmela está pensando en hipotecar o seu negocio para pagar a fianza do seu pai e conseguir que Manel saia do cárcere. Está tan preocupada con este asunto que nin sequera ten moi claro en que vai acabar o da voda.

Por outro lado, en Dorneda celébranse eleccións municipais o mesmo día, polo que os convidados están un pouco revoltos. Roxelio, o alcalde saínte, dubida da súa capacidade para vender o seu tío na loita pola alcaldía. Mentres, Encarna, a muller máis poderosa da vila, prepara un moi pouco lícito plan para, coa axuda de Macario e Chino, asegurar a vitoria de Muxo. Así que pode pasar de todo nas urnas.

Ademais, non hai que esquecer que continúa a busca do Augusta e que os “trangalleiros” dispoñen das coordenadas do pecio. Con Héctor entretido coa súa voda, esta vez non deixarán pasar a oportunidade de facerse co tesouro.

ler máis

Os “Larpeiros” afondan hoxe na cría de troitas, un peixe que degustarán recheo duns pementos do piquillo

17/04/2018

De sobremesa, prepararán unhas rosquillas de chocolate e marmelada de béveras

Os “Larpeiros” afondan hoxe na cría de troitas, un peixe que degustarán recheo duns pementos do piquillo

Santiago, 17.04.2018.-  No programa desta semana, os “Larpeiros” (22.00 h.) da TVG lembrarán esas cousas coas que gozaban de pequenos e que hai tempo que non proban. A Leni, por exemplo, gustábanlle moito os ovos e apañar cos seus pais os das galiñas que tiñan na casa. Facíalle moita ilusión comer aqueles ovos que recollera ela mesma. E é que as cousas en que se participa á hora de procuralas ou cociñalas saben moito mellor.

A Adrián pásalle o mesmo coas troitas. De pequeno encantáballe comer as que el mesmo pescaba no río. Ten sona de ser un peixe algo insulso, pero unhas troitas ben preparadiñas teñen o seu encanto. As pequenas fritidas cun pouco de xamón ou as grandes ao forno son un auténtico espectáculo. En empanada, en escabeche, en salsa de améndoas… A verdade é que a troita se presta a case todo.

Nada máis falar de troitas, o mestre Benigno xa terá en mente a receita perfecta para gozar destes peixiños como mandan os libros: pementos do piquillo recheos de troita, unha preparación moi semellante á que leva bacallau ou gambas, pero co toque diferente que lle vai dar o recheo de troita. A sobremesa correrá, coma sempre, a cargo de Merche e Leni, que prepararán unhas rosquillas de chocolate e marmelada de béveras.

Unha vez decidido o menú, Adrián sairá como un lóstrego cara á localidade lucense de Quiroga, onde o estará agardando Silvia para amosarlle todos os segredos do mundo da piscicultura. Á beira do río Lor, descubrirá como se crían unhas troitas de categoría, desde que saen dos ovos ata que chegan aos nosos mercados.

ler máis