CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Con "#EntroidoG2018", os espectadores da TVG vivirán as distintas, variadas e vistosas celebracións de Galicia

13/02/2018

Este especial (23.05 h.) irá a Laza, a Verín e a Maceda, asistirá a desfiles máis urbanos coma o de Marín ou Pontevedra, coñecerá a tradición dos Merdeiros de Vigo e dos Volantes de Chantada e estará tamén cos Xenerais do Ulla

Con "#EntroidoG2018", os espectadores da TVG vivirán as distintas, variadas e vistosas celebracións de Galicia

Santiago, 13.02.2018.-    Despois dunha boa paparota, nada mellor que queimar o exceso de calorías consumidas gozando da mellor troula de Entroido. Para isto, a TVG ofrecerá a continuación de “Larpeiros” un programa especial que reflectirá os distintos, variados e vistosos Entroidos que cada ano se viven en Galicia.

Así, o espazo “#EntroidoG2018” “percorrerá os diferentes lugares onde se celebra por todo o alto a fin de semana grande do Entroido en Galicia. Así, os espectadores asistirán a desfiles e costumes tradicionais, como os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda ou os cigarróns de Verín. O programa presenciará outros desfiles máis urbanos como o de Pontevedra e o de Marín.

Así mesmo, o programa pasará pola cidade de Vigo para amosar a tradición recuperada dos Merdeiros, así como tamén a volta dos Volantes en Chantada. Como non, a Televisión de Galicia andará tamén polo rural co desfile de Teo e estará na Estrada cos Xenerais do Ulla, o espectáculo máis destacado do Entroido tradicional desta comarca.