CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Dous proxectos participados pola CRTVG foron galardoados nos Premios TIC Galicia 2019 entregados no LaconNetwork

08/02/2019

O director de Innovación e Negocio dos medios públicos, Xosé Pereira, participou nunha mesa redonda neste foro anual sobre programas de innovación e emprendeduría

Dous proxectos participados pola CRTVG foron galardoados nos Premios TIC Galicia 2019 entregados no LaconNetwork

Santiago, 08.02.2019.-  A Coruña acolle hoxe a IX edición do LaconNetwork, evento que reúne na Coruña emprendedores, aceleradoras de empresas, investidores, institucións e profesionais innovadores arredor do mundo das TIC e a contorna dixital. A CRTVG participou nesta xornada, na mesa de debate 'A transformación dixital e as corporacións', que estivo moderada por Javier Megías, emprendedor, investidor e CEO de StartupXplore, plataforma de investimento de start-ups. Nesta mesa de discusión, en que se falou dun tema relevante no mundo das TIC: a revolución e as vantaxes da transformación dixital nas empresas e corporacións, participaron, ademais de Xosé Pereira, a xerente de Abanca Innova, Rosa Seoane; Marcos Ros, especialista de Innovación en Acciona; e Raúl García, responsable de CorreosLab.

Neste foro anual foron entregados os Premios TIC Galicia 2019 convocados polo Cluster TIC e LaconNetwork, co obxectivo de enxalzar o labor das empresas e institucións. O Premio á mellor iniciativa TIC recaeu na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) polo seu Plan de acción para o impulso dos contidos dixitais en Galicia, o proxecto Dico Mindset, que ten como obxectivo impulsar a modernización e innovación tecnolóxica do sector dos contidos dixitais. O xurado valorou especialmente a colaboración coa CRTVG para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo. Por outra parte, o Premio á mellor empresa tractora foi para o programa de aceleración de Startup R DiCo Challenge, da empresa R, en que tamén participa a CRTVG.

No programa do evento, que arrancou o xoves cun primeiro día dedicado aos programas de creación e desenvolvemento dun tecido empresarial innovador no panorama dixital, incluíanse o venres outros debates sobre a cultura da innovación e as estratexias nas corporacións e nos distintos ámbitos de negocio, entre eles, a Responsabilidade Social Corporativa.