CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

En "Viradeira", o Americano planea sacar á superficie os restos do Serenity ás costas de Héctor

13/03/2018

A relación do científico con Carmela vai vento en popa, o que o levará a querer dar un paso máis (22.45 h.)

En "Viradeira", o Americano planea sacar á superficie os restos do Serenity ás costas de Héctor

Santiago, 13.03.2018.-    No capítulo desta noite de “Viradeira”, o Americano localizou os restos do Serenity e conta co apoio e a colaboración de Encarna e de Manel para sacar os restos á superficie. Pero, se queren facelo, antes terán que deixar a Héctor en fóra de xogo.

Mentres, o cazatesouros non perde o tempo. Parece seducir a Lupe, a compañeira de traballo de Héctor. Charo, a súa caseira, sábeo e advertiralle sobre o dano que lle pode facer esa relación. Pero a moza científica cre que ten controlada a situación e ata ten un plan.

Mentres tanto, Roxelio acode a unha reunión moi importante, que podería decidir o futuro de Dorneda. Queren presentarlles a un grupo de políticos de alto nivel un proxecto para crear unha asociación para a procura de barcos afundidos. Roxelio sabe que polo estómago se pode seducir a calquera e nada mellor para a ocasión que unha boa comida en Casa Carmela, polo que encargará persoalmente un menú do máis tradicional e para alarde dos produtos da terra. Pero Toño, o chef máis moderno do mesón, aproveitará a ocasión para pór en práctica o seu talento e así dar unha sorpresa a Roxelio e aos seus convidados.

Pola súa parte, tras descubrir que Patri e Chino foron amantes, Maca perderá toda a confianza na súa parella. A pesar dos continuos intentos del por reconciliarse, para a irmá do alcalde só existe unha posibilidade: que Chino lle conte toda a verdade ao seu amigo.

En canto a Héctor e Carmela, a relación parece avanzar vento en popa, o que levará a Héctor a querer dar un paso máis. Pero quizais Carmela non estea tan segura coma el. Á fin e ao cabo, que vai ser deles cando Héctor finalice o seu traballo en Dorneda?