CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Hoxe en TVG

Un encontro casual no Camiño entre os protagonistas de "Casamos!" convértese nun compromiso para toda a vida

18/10/2017

Nin a distancia nin a diferenza de idade entre Rita e Javi foron obstáculos para facer realidade esta noite o seu soño de casar

Un encontro casual no Camiño entre os protagonistas de "Casamos!" convértese nun compromiso para toda a vida

Santiago, 18.10.2017.- “Casamos!” (22.00 h.) regresa este mércores cunha bonita historia de amor que lles permitirá aos espectadores da Televisión de Galicia acompañar os noivos no seu último paso cara ao matrimonio. Nesta ocasión, o Camiño de Santiago, unha ruta que cada ano percorren milleiros de peregrinos, é o escenario onde comeza a relación dos protagonistas da presente edición.

No Camiño, que representa a unión de culturas e é símbolo da fraternidade, tamén se pode atopar o amor, como lles pasou aos protagonistas desta noite, Rita e Javi. El de Ponteareas, ela de Tarragona, el de 33 anos e ela de 45… a conexión foi inmediata e desde aquel encontro casual no albergue de Arzúa, xa nada volveu ser o mesmo para eles. A distancia e a diferenza de idade entre eles, 12 anos, non foi un obstáculo e xuntos decidiron apostar pola súa historia de amor.

Tras meses separados, Javi decide mudarse xunto a ela por amor. Desde aquela dan conta da súa fermosa relación, que culmina nunha voda galego-catalá nun castelo.

ler máis

Os reporteiros de “Que Casas!” visitarán este mércores unha das vivendas máis luxosas da historia do programa

18/10/2017

Ademais desta casa próxima á Coruña, o programa amosará novas propostas en Pontevedra, Bertamiráns e Luneda

Os reporteiros de “Que Casas!” visitarán este mércores unha das vivendas máis luxosas da historia do programa

Santiago, 18.10.2017.- Os reporteiros de “Que Casas!” (00.05 h.) visitarán hoxe das casas máis luxosas da historia do programa, cuxo interior está feito con madeiras de altísima calidade imposibles de atopar hoxe en día no mercado. Isto sucederá moi preto da Coruña, onde se pode gozar da proximidade do mar.

Tamén moi preto do mar, pero desta vez á beira de Pontevedra, o programa da TVG visitará unha vivenda cun deseño moi coidado en que locen pequenas figuras, estampas e cadros de Tintín en cada recanto.

En Bertamiráns, os espectadores poderán coñecer a todo un personaxe, que non renuncia a unha neveira chea de lambonadas e ao seu pixama de Batman. Outra das paradas da entrega de hoxe de “Que Casas” será na parroquia cañicense de Luneda, onde un home vive con sete ovellas e un esplendoroso burro.

ler máis

'ADN Galego' achégase a Tenerife para coñecer a pegada de Galicia nas súas localidades

17/10/2017

Un barrio chamado La Gallega e un conquistador galego forman parte da historia da illa (22.40 h.)

'ADN Galego' achégase a Tenerife para coñecer a pegada de Galicia nas súas localidades

Santiago, 17.10.2017.-   Tenerife é esta semana o destino do programa 'ADN Galego', que amosará as numerosas pegadas de Galicia que hai en moitas das localidades da illa, por exemplo o barrio La Gallega, en Santa Cruz de Tenerife, que recibe o seu nome pola orixe da que fora propietaria dos terreos sobre os que se asenta. E tamén hai moito 'ADN Galego' na conquista das Canarias por parte da Coroa da Castela. Foi un conquistador de orixe galega, Alonso Fernández de Lugo, no século XV,  quen liderou esta acción.

Os protagonistas desta semana serán: Antonio Padrón, capitán marítimo de Santa Cruz de Tenerife que recibiu a Medalla ao Mérito Civil pola xestión da crise das pateras no ano 2006; Jorge, un mergullador que o deixou todo para practicar un tipo de mergullo único en Tenerife; Ángela, unha residente de Pediatría dentro do Hospital Universitario Ntra. Sra da Candelaria; Guillermo, un windsurfista asentado en El Médano que marchou de Galicia só con billete de ida; María de Gracia, unha muller que saíu de Galicia con 16 anos e rexentou un importante negocio na illa; Xisela Aranda, sete veces campioa absoluta de España en Squash; Fran Alonso, un galego que ten varios Récord Guinness como cortador de Xamón; Martín López, un dos astrofísicos máis importantes de España. E, por último, tamén estará José Manuel, que está casado cunha holandesa e que se dedica á vedta de todo tipo de produtos galegos.

ler máis

O viño será protagonista esta noite en 'Larpeiros', cun bonito en salsa de Ribeiro como prato principal

17/10/2017

A festa vai ser completa co biscoito de uvas e améndoas co que Merchi e Leni agasallarán os seus compañeiros (22.10 h.)

O viño será protagonista esta noite en 'Larpeiros', cun bonito en salsa de Ribeiro como prato principal

Santiago, 17.10.2017.-    Esta noite os 'Larpeiros' da Televisión de Galicia manteñen unha animada conversa sobre os labores necesarios para conseguir as cousas de comer. Como por exemplo, a vendima. Vendimar é un traballo duro, pero mentres se fai sempre se crea un ambiente moi especial e o viño é moi importante na mesa e na cociña. Pódese dicir que a maioría das receitas ricas de verdade levan a súa copiña de viño, xa que esta bebida lle pon sabor e aroma a todo o que se prepara con el, e cor tamén, sobre todo cando se usa o tinto.

O cociñeiro do programa, Benigno Campos, está disposto a empregar viño na cociña e hoxe pensa facer un xantar que non deixará a ninguén indiferente: bonito en salsa de ribeiro.

Ademais, Adrián, o 'larpeiro' máis itinerante, irá voando ata Ribadavia, no corazón do Ribeiro. Alí, da man de Andrés, coñecerá como se vendiman as uvas coas que se elabora un dos viños mais recoñecidos da nosa terra: o Ribeiro.

De volta na casa, a festa vai ser completa co biscoito de uvas e améndoas co que Merchi e Leni agasallarán os seus compañeiros.

ler máis

Dous novos concursantes de Melide e Cortegada de Baños ábrenlle as portas a 'Todo Queda na Casa', este martes na TVG

17/10/2017

A partir das 23.35 h., Eva Iglesias seguirá coa súa busca incansable de galegos e galegas que queiran participar no concurso e gañar o premio de 1.000 euros

Dous novos concursantes de Melide e Cortegada de Baños ábrenlle as portas a 'Todo Queda na Casa', este martes na TVG

Santiago, 17.10.2017.-   Televisión de Galicia ofrece este martes unha nova entrega do programa 'Todo Queda na Casa'. Desta volta, Eva Iglesias chegará coa súa busca incansable de novos concursantes, que queiran participar no concurso e levar así uns cartiños, ás localidades de Melide e Cortegada de Baños.

Despois de deixar ver as diferentes estancias, a dinámica do concurso baséase nunhas preguntas coas que os residentes na vivenda amosarán o coñecemento que teñen dos seus espazos, obxectos e accións.

O programa aproveita, ademais, para coñecer un pouco as persoas da nosa terra, cos seus costumes, manías e gustos. Coma sempre, ata o final de 'Todo Queda na Casa' non se saberá se, nesta ocasión, alguén é quen de gañar o premio dos 1.000 euros.

ler máis

Máxima tensión de 'TAC', con Xavi fuxindo polo asasinato do xerente do hospital e Losada de polisón no seu coche

16/10/2017

Ademais, no episodio desta noite, Sara intenta asumir que Gabriel é unha testemuña protexida e a incipiente historia de amor de Xurxo e Vera cambaléase

Máxima tensión de 'TAC', con Xavi fuxindo polo asasinato do xerente do hospital e Losada de polisón no seu coche

Santiago, 16.10.2017.- No capítulo desta noite da serie 'TAC' (22.20 horas), grazas á insistencia de Daniel Losada, a tenente Costa chega cun grupo de homes disposta a arrestar a Xavi polo asasinato de Marcos, o xerente do hospital. Con todo, este consegue fuxir no seu coche, sen decatarse de que leva consigo un incómodo polisón: Losada.

Pola súa parte, Sara intenta asumir a verdadeira identidade de Gabriel, que é unha testemuña protexida, á vez que un home misterioso se presenta no Francisco Balmis preguntando por el.

Mentres tanto, Xurxo e Vera están a gozar dun romántico cuarto de hotel cando o novo cirurxián descobre que o incidente co fan estaba preparado. Será este o final da súa bonita historia de amor ou o doutor Prieto e Vera Dávila daranse unha segunda oportunidade?

ler máis

'O gato con botas' pasa un día con Moncho Borrajo, un dos artistas máis completos do panorama nacional

16/10/2017

Manuel Manquiña e o equipo do programa visitan o versátil artista no seu estudio de Vigo

'O gato con botas' pasa un día con Moncho Borrajo, un dos artistas máis completos do panorama nacional

Santiago, 16.10.2017.- Ata Vigo desprázase hoxe o equipo de 'O Gato con Botas' (00.00 horas) para pasar o día cun dos artistas máis completos que ten o panorama nacional: Moncho Borrajo. Aínda que criado na cidade olívica, Moncho naceu por accidente na beira das augas termais de Ourense, en Baños de Molgas.

Setemesino e accidentado, Moncho amosou sempre querenza polas artes e deu o cante desde ben pequeno. A súas mañas co debuxo, a pintura ou a poesía non pasaron desapercibidas para Dondigna e Ramón, os orgullosos pais, que axiña descubrían que o seu fillo era superdotado.

Contentou a familia estudando Arquitectura Técnica en Valencia, onde tamén debutaría como artista. Máis tarde estudou Belas Artes. Admirador de Chaplin, sensible e retranqueiro, atesoura 45 anos de experiencia sobre as táboas suxeitos por catro eixes fundamentais na súa vida: tempo, soidade, amor e silencio.

Moncho recibirá a Manuel Manquiña e o equipo de 'O Gato Con Botas' no seu peculiar estudio en Vigo, onde os espectadores poderán ver diferentes retallos da súa intensa vida e estados emocionais plasmados nas paredes ou na mesma decoración. O programa visitará a taberna onde adoitaba ir o seu pai, paseará polas súas zonas favoritas da cidade e ata realizará un adestramento do deporte favorito de Moncho: o tiro con arco.

ler máis

As intrigas de "Serramoura" regresan con forza esta noite á Televisión de Galicia coa estrea da súa sexta temporada

15/10/2017

O secuestro da amante de Santos desata a ira do home máis perigoso da vila (22.15 h.)

As intrigas de "Serramoura" regresan con forza esta noite á Televisión de Galicia coa estrea da súa sexta temporada

Santiago, 15.10.2017.-     Televisión de Galicia estrea este domingo, ás 22.15 horas, a nova temporada da serie “Serramoura”. Xusto antes, volve á TVG “Crónicas de Serramoura”, isto é, as reviravoltas da serie contadas polos seus protagonistas.

Así, esta noite regresa “Serramoura” e faino con forza. Hai xa catro meses que os espectadores da TVG asistían atónitos ao secuestro da tenente Rivas. Lola, amante do carismático Santos, era secuestrada ante os ollos do personaxe máis perigoso de Serramoura. Agora Santos clama vinganza. A súa prioridade neste momento é dar cos secuestradores de Lola antes de que o faga a Garda Civil. Santos ten a súa propia lei e, máis ca nunca, ten motivos para demostralo.

A noticia do secuestro non tardará en correr como a pólvora polos recunchos da vila. No posto de mando, o tenente Penedo aparcou a súa excedencia para coordinar o rescate da súa compañeira. Pero quen podería estar interesado en secuestrar a tenente Rivas e por que?

Pero esa non é a única fronte aberta para Diego Bazán, Marga Neira e os seus compañeiros do posto de mando. Serramoura parece paralizada tras o secuestro. Todos os veciños se senten afectados dalgunha maneira polos acontecementos. A vida persoal de todos eles e o seu futuro profesional está en xogo unha vez máis.

Para empezar, Marga e Diego parecen perder toda complicidade, xusto cando máis a necesitan. O motivo do seu afastamento podería ter nome de muller: Antía, a moza avogada coa que Bazán podería comezar unha relación.

Raquel pensa abandonar o proxecto de Gloria, mentres que esta pretende que Pancho, ex da irmá de Marga, traballe para ela en exclusiva.

Hugo, home de confianza de Evaristo, planea seriamente abandonar a vila. O avogado agocha algo e o seu comportamento resulta inquietante, en especial, cando se cruza no seu camiño a nova parella do sarxento Diego Bazán.

Pola súa parte, dona Teresa Soutelo parece estar pasando polo seu momento máis baixo. Arruinada, falta de saúde e abandonada por todas esas persoas que, nos momentos de riqueza, lle facían a corte.

Redes sociais

ler máis

O espazo “Vaia Troula” despide a tempada desde a Festa da Vendima en Viana do Bolo e percorrendo toda Galicia na procura das mellores celebracións

15/10/2017

Os reporteiros estarán, amais, nos festexos polo día do Pilar, na Festa do Polbo do Caeiro, na da Tortilla de Betanzos e na do Lomedro de Mos, entre outras (23.25 h.)

O espazo “Vaia Troula” despide a tempada desde a Festa da Vendima en Viana do Bolo e percorrendo toda Galicia na procura das mellores celebracións

Santiago, 15.10.2017.- "Vaia Troula" remata este domingo á noite a tempada desde o concello ourensán de Viana do Bolo e percorrendo toda Galicia na procura das mellores celebracións da semana. Nesta edición, o espazo despide os meses centrais de festexos cun programa cargado de sorpresas, boa música e alegría. Así, a presentadora Nieves Rodríguez dará a benvida os espectadores desde o concello ourensán de Viana do Bolo, na parroquia de Punxeiro, para participar nunha nova edición da Festa da Vendima. Alí haberá unha divertida ruta de adegas, acompañada pola mellor comida da zona e a música de grupos tradicionais e charangas.

ler máis

O equipo de “Peregrino” comparte o Camiño de Santiago cun grupo de alumnos de Alacante

15/10/2017

Na última entrega desta temporada (11.30 h.), coñecerá a Juan Carlos, quen superou as súas carencias visuais para vivir esta experiencia

 

 

 

O equipo de “Peregrino” comparte o Camiño de Santiago cun grupo de alumnos de Alacante

Santiago, 15.10.2017.- O programa “Peregrino” despide hoxe a súa primeira temporada na Televisión de Galicia realizando unha nova ruta polo Camiño de Santiago e coñecendo novos transeúntes. Cada semana, o espazo tratou de amosar as motivacións e as experiencias dos variados peregrinos que cada día realizan este trazado. Para moitos, máis que unha ruta é un traxecto cara ao encontro da espiritualidade; unha forma de atoparse a un mesmo ou de atopar respostas a certas cuestións que nos presenta a vida, unha aventura inesquecíbel que marca un antes e un despois na vida de quen o percorre.

O programa amosou, non só os pobos, xentes e lugares pintorescos que os camiñantes percorren ata chegar a Santiago, senón tamén a beleza, as preocupacións, a historia e os intereses das persoas que o percorren.

Nesta edición, “Peregrino” realizará o itinerario con alumnos dun colexio de Alacante, que elixiron o Camiño como viaxe de fin de curso. Sen dúbida non o esquecerán, ao igual que Juan Carlos, que camiñou só tendo arredor dun 10% de visión, pero con moitas ganas de superación.

ler máis