CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Luar na Lubre, que presenta novo disco, e as artistas Lucrecia e Marlene Mourreau visitan esta noite 'Luar'

11/01/2019

O programa (22.05 h.), que hoxe despide catro dos seus recanteiros, contará tamén coas actuacións  da orquestra Pontevedra, da Banda de Música de Cee, da formación A Rexionalista e do grupo Fonteliño, entre outros

Luar na Lubre, que presenta novo disco, e as artistas Lucrecia e Marlene Mourreau visitan esta noite 'Luar'

Santiago, 11.01.2019.-    O programa 'Luar' recibirá esta semana a visita do grupo Luar na Lubre, que está a presentar un novo traballo que ten coma obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental da Ribeira Sacra ourensá. O disco foi gravado no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, e nel utilizouse o barallete, o idioma dos afiadores. O álbum recolle nas súas letras feitos e personaxes históricos coma Romasanta ou a tradición do Entroido.

Tamén estarán esta noite no escenario a explosiva cantante e actriz francesa Marlene Mourreau e a artista cubana, asentada en Barcelona, Lucrecia, unha das voces latinas por excelencia en Europa e Latinoamérica, un exemplo de vitalidade e de ledicia en cada unha das súas actuacións.
    
Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana ofrecerá as actuacións da orquestra Pontevedra, da Banda de Música de Cee, da formación A Rexionalista, do grupo Fonteliño, da Rondalla de Cariño e de Mayalde, grupo de folclore tradicional de Salamanca.

Un dos momentos máis emocionantes da noite vivirase no concurso 'Recantos', que hoxe despide 4 participantes, co que só continuarán 12 dos 20 que comezaron a temporada. Esta noite tocaralles amosar o seu potencial a Bianca Núñez, representante da comarca do Bierzo, e a Samuel Represas, procedente de Vigo.