CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Luar' ofrece esta noite as actuacións das cantantes Natalia e Rosa Cedrón, da orquestra folk SonDeSeu e do histórico grupo de rock Los Sírex

09/11/2018

A proposta musical deste venres (22.05 h.) complétase con Los Satélites, Daniel Pereira Band, a Banda de Música de Salvaterra de Miño, o grupo de música tradicional Airiños da Peneda, as Pandeireteiras de Verducido e a A.F. O Fiadeiro

'Luar' ofrece esta noite as actuacións das cantantes Natalia e Rosa Cedrón, da orquestra folk SonDeSeu e do histórico grupo de rock Los Sírex

Santiago, 09.11.2018.-     O programa 'Luar' convida esta noite a subir ao seu escenario a Natalia, a menor daquela dourada primeira xeración de 'Operación Triunfo'. A cantante, compositora e presentadora de televisión presentaralles aos espectadores galegos temas do seu novo disco,  'Un poco de mí', de estilo pop e tropical house.

Tamén esta convidada ao 'Luar' deste venres cantante, violonchelista e compositora monfortina Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego. Esta artista, fortemente vinculada coa música galega e cunha sólida carreira ás súas costas, comezou no grupo Luar na Lubre e agora continúa en solitario, cun segundo disco no mercado, titulado 'Nada que perder'.

SonDeSeu, a primeira orquestra de música folk de Galicia, dirixida por Rodrigo Romaní, tamén terá un espazo esta noite. Os temas do conxunto, formado por máis de cincuenta músicos, recobran a tradición oral e permiten apreciar a versatilidade de gaitas, zanfonas, requintos e frautas.

Ademais, o espazo da TVG ofrecerá a actuación de Los Sírex, unha das grandes bandas históricas do rock español, ídolos dos 60, con grandes temas como 'La escoba' ou 'Que se mueran los feos'.

A proposta musical deste venres complétase con Daniel Pereira Band, a Banda de Música de Salvaterra do Miño, o grupo de música tradicional Airiños da Peneda, as Pandeireteiras de Verducido, a A.F. O Fiadeiro e Los Satélites,  unha das orquestras con máis historia e tradición de Galicia.

Finalmente, no tempo de 'Recantos', na última rolda antes de que comecen as eliminacións, enfrontaranse Nere Blanco, procedente da Terra Chá, e Pachi Axeitos, representante da comarca Terras de Ordes.