CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Na véspera do Día das Letras Galegas, a TVG estrea "Contou Rosalía", o primeiro filme sobre Rosalía de Castro

16/05/2018

Ambientado no Madrid de mediados do século XIX, a propia autora conta como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía

A película “Doentes” dá comezo esta noite á programación especial na tvG2 con motivo da Semana das Letras Galegas

Na véspera do Día das Letras Galegas, a TVG estrea "Contou Rosalía", o primeiro filme sobre Rosalía de Castro

Santiago, 16.05.2018.-  Televisión de Galicia estrea esta noite a película para televisión “Contou Rosalía”, a primeira ficción sobre a vida da ilustre escritora Rosalía de Castro, coa que se pretende ofrecerlle ao público televisivo unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, un dos símbolos de Galicia máis vivos no imaxinario colectivo.

Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía.

Á capital de España chega a Duquesa da Gloria, unha aristócrata de provocante singularidade. Por asuntos de familia, tamén está na cidade a escritora feminista Rosalía de Castro, que se dedica a facer vida social e a escribir. Madrid convértese nun fervedoiro de ruxerruxes políticos e é testemuña do reencontro entre Rosalía e Murguía. Á calor da común preocupación polas xentes e a cultura de Galicia, nace entre eles unha paixón e un fondo amor que a escritora non quere ver morrer nas cadeas coas que a sociedade da época aferrolla as mulleres.

Esta película para televisión inscríbese dentro da liña comezada por Zenit TV, xunto á TVG, de adaptar as biografías de salientables mulleres pioneiras na arte, na ciencia ou no pensamento, cunha clara intención cultural e divulgativa, como foi o caso de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega.

Dirixida por Zaza Ceballos, “Contou Rosalía” ten un equipo técnico principalmente galego e un elenco encabezado nos papeis principais por Melania Cruz, interpretando unha Rosalía apaixonada e namorada, e por Fran Lareu, como Manuel Murguía, un personaxe de gran forza e carisma. No elenco interveñen tamén Ledicia Sola, Alejandro Jato, César Cambeiro, Josito Porto, Tamara Canosa, Pepo Suevos, David Perdomo e Celso Parada, entre outros.

A ambientación desta tv-movie, que amosa o lado máis íntimo da escritora, desafiando limitacións de todo tipo e en medio do clima conspiratorio do final da era absolutista, sitúase na Coruña, grazas á conservación de espazos e significado valor arquitectónico que permiten recrear espazos como o Pazo do Señor de Muros ou café do Oeste. Boa parte dos interiores recreáronse en inmobles da cidade vella e nun palacete no barrio de Cidade Xardín. A rodaxe tamén se desenvolveu noutros espazos emblemáticos da Coruña, coma o Teatro Colón ou os Xardíns de Méndez Núñez.

Especiais das Letras Galegas na tvG2

Nesta Semana das Letras Galegas, a tvG2 ofrece cada xornada no prime time unha longametraxe galega destacada que vai sucedida dunha selección de documentais sobre autores ilustres galegos que foron homenaxeados nesta efeméride.

Hoxe, a película “Doentes” (22.50 h.), baseada nunha obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño, antecederá a emisión de “Recuperando a Vidal Bolaño”, documental que percorre a vida do dramaturgo compostelán desde catro perspectivas: a persoa, a obra, o escritor e o espectáculo.

“Doentes”, dirixida por Gustavo Balza en 2010, conta cunha ampla presenza actoral galega, encabezada por Antonio Durán Morris e Xosé Manuel Olveira "Pico", e  con María Vázquez, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Farruco Castromán, Luísa Merelas, Gonzalo Uriarte, Laura Ponte, Víctor Mosqueira, Olalla Salgado, Xan Cejudo, Evaristo Calvo, Tatán, Rodrigo Roel, Julio Cela, Artur Trillo, Xosé Barato, Xosé Bonome, Manolo Cortés, Toni Salgado, Zé Paredes, Salvador del Río e Miguel Borines, no elenco.

Os protagonistas, Valeriano (Pico) e Cañete (Morris), son dous perdedores que se complementan e retroalimentan nun escenario único, a Compostela dos anos 50. Producida por Filmanova e ZircoZine, a historia transcorre toda nunha noite trepidante chea de sorpresas e verdades inconfesables.

En “Doentes”, o inesperado desmantelamento do vello Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos) por orde de Franco, para transformalo nun hotel de luxo, enche as rúas de Santiago de enfermos, peregrinos perpetuos e pobres. Unha noite de apracible vagabundeo convértese nunha carreira pola supervivencia de dous estraños amigados pola dor, que non podendo cambiar o mundo, loitan, por chegar a velo outra vez, pola mañá. Esta longametraxe, que conta con participación da Galega, obtivo cinco premios Mestres Mateo nas categorías de mellor longametraxe, actor, fotografía, dirección artística e dirección de produción.

A tvG2 continuará na véspera do Día das Letras ofrecendo “Cantigas de Celso Emilio”, sobre a poesía social e comprometida do escritor de Celanova, que inspirou a música de numerosos artistas galegos nos últimos anos de franquismo e durante a transición democrática. En concreto, esta peza documental fai un percorrido por unha serie de temáticas coma as “cantigas de irmau”, de liberdade, de denuncia, de maldicir, de amor, de pobo ou da falsa despedida, entre outras, a través de figuras coma os cantantes Xosé Luís Rivas, Xavier González del Valle, Miro Casabella, Uxía Senlle, Serxio García, Luís Emilio Batallán ou Baldomero Iglesias. Tamén recolle os testemuños do escritor e académico Alonso Montero, amigo persoal e biógrafo de Celso Emilio, e da súa dona, María Luisa Moraima Loredo.

O documental de carácter biográfico sobre Xosé María Díaz Castro, “O instante eterno”,  completa as propostas de tvG2 para esta xornada.