CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Onde Collen Dous" descubrirá esta noite os valores e os segredos de catro familias de Vigo, Ourense, Santiago e Fofán

13/06/2018

O programa (22.50 h.) continúa este mércores percorrendo Galicia e metendo as súas cámaras nos fogares e no día a día das familias para compartir cos espectadores da TVG a súa historia

"Onde Collen Dous" descubrirá esta noite os valores e os segredos de catro familias de Vigo, Ourense, Santiago e Fofán

Santiago, 13.06.2018.-    O programa “Onde Collen Dous” continúa este mércores percorrendo Galicia e metendo as súas cámaras nos fogares e no día a día das familias para compartir cos espectadores da TVG a súa historia, os seus valores e os seus segredos.

O programa de hoxe presentará catro historias de película. A primeira, en Vigo, onde vive unha parella que é a proba de que o amor non ten idade. Lucho e Yohana lévanse 22 anos, pero esa circunstancia non impediu que formasen un fogar con cinco fillos e un máis en camiño. Cal é o truco cando un ten que atender un negocio e ten familia numerosa?

“Onde Collen Dous” tamén viaxará ata Ourense para coñecer os Rodríguez Rodríguez. Eles son David, Ana Belén e as súas dúas fillas: Estela, de dez anos, e Martina, de catro, un clan que fixo da Real Banda de Gaitas de Ourense todo un xeito de vida.

Pola súa parte, os Puñal Montero viven en Santiago de Compostela e teñen dous fillos pequenos: Nerea, de dous anos, e o acabado de chegar, Enzo, de só uns meses. O curioso desta familia é que conviven cos avós maternos. Unha casa, dous fogares e unha soa familia.

En Fofán, na provincia de Pontevedra, vive unha parella que naceu dun auténtico frechazo. Mónica cambiou Londres por Meis, casou con Juan Manuel, tivo un segundo fillo e montou un negocio, un xiro de 180º en tempo récord.