CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Que Casas!" percorrerá hoxe unha morea de quilómetros, pasando por Oleiros e chegando ata Barcelona

13/06/2018

Un arquitecto, dous irmáns con apego polo mar, un viaxeiro arxentino namorado de Galicia e un iogui emigrado a Cataluña serán esta noite os protagonistas do programa (22.00 h.)

"Que Casas!" percorrerá hoxe unha morea de quilómetros, pasando por Oleiros e chegando ata Barcelona

Santiago, 13.06.2018.-   Un arquitecto, dous irmáns con apego polo mar, un viaxeiro arxentino namorado de Galicia e un iogui emigrado a Cataluña serán esta noite os protagonistas de “Que Casas!”. Para coñecer os seus fogares, o equipo do programa terá que percorrer unha morea de quilómetros, pasando por Oleiros e chegando ata Barcelona.

Os protagonistas de hoxe chámanse David, Sara, Lucas, Andrés e Sebastián. Os dous primeiros herdaron unha casa do seu pai nun enclave feiticeiro, a praia das Caneliñas, onde houbo unha baleeira histórica da que só quedan os restos e que ten moito que ver coa enerxía do lugar.

Lucas será o arquitecto estrela deste programa. Fíxolle unha casa de deseño a unha parella sen fillos que deixará abraiado a canto a vexa. Ten unha piscina, unha escada con chanzos de formigón integrados no céspede do xardín e unha zona para churrascadas que fai de continuación exterior ao propio salón da vivenda.

Andrés, mentres tanto, é un hippie que marchou a unha vila próxima a Barcelona, pero a súa a casa parece unha mansión de campo. Pola súa parte, Sebastián é arxentino, namorou de Galicia e fíxose construír unha casa en Vedra á medida dos seus soños.