CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Real Madrid – Celta, principal aposta da RG esta fin de semana, amais dos encontros de Lugo, Breogán e Obradoiro

16/03/2019

Ademais, o ‘Convivir deportivo’ irá ata Manzaneda para falar dos deportes de inverno, mentres que o ‘Gas a fondo’ falará do rally de Cuntis

Real Madrid – Celta, principal aposta da RG esta fin de semana, amais dos encontros de Lugo,  Breogán e Obradoiro

Santiago, 16.03.2019.- As ondas públicas ofrecerán un amplo despregamento para cubrir todos os eventos deportivos da fin de semana, con especial atención aos encontros de Celta e Lugo. O Deportivo non xoga esta fin de semana polo encontro suspendido ante o Reus. A programación deportiva da Radio Galega comeza co ‘Convivir deportivo’. O sábado, ás doce do mediodía, Alfonso Pardo visita Manzaneda para dar voz aos deportes de inverno.

O sábado, desde 15.00 horas, Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Marcos Basadre contarán desde o Santiago Bernabeu o partido de Liga da Primeira División de fútbol entre o Real Madrid e o Celta de Vigo. Será o segundo encontro para Fran Escribá  dirixindo o equipo celeste, ante un Madrid que estrea adestrador co retorno de Zinedine Zidane.  Ao remate comezará o Cádiz - Lugo no Ramón de Carranza, cun Lugo necesitado de puntos para afastarse do descenso fronte a un Cádiz en auxe. Andrés Vieites e David Vidal narrarán o partido.

Tamén haberá espazo para o baloncesto co Guipuzkoa - Breogán da Liga ACB narrado por Alfonso Pardo. No último treito do programa haberá máis, co Obradoiro - Joventut no Sar, comentado por Raúl Villares. Tamén terá cobertura a Liga Asobal de balonmán desde Pontevedra co Teucro - Bidasoa.

A Terceira Galega reserva para a tarde do sábado un decisivo Unión Deportiva Ourense - S. D. Compostela, na loita por entrar nos postos de fase de ascenso á Segunda B. A xornada de baloncesto na Liga Feminina coas citas Uni Ferrol - Guipuzkoa e Ensino -Zaragoza completan a oferta do día, xunto á información nas competicións de LEB Ouro, LEB Prata e balonmán feminino.

A programación deportiva deste sábado complétase con dous programas máis. Ás 23.00 horas, Rodrigo Pérez informará no ‘Gas a fondo’ do rally de Cuntis. Logo, ás 23.30 h., Toni López entrevistará no ‘Galicia en Toquio’ o analista de atletismo Óscar Fernández e a atleta paralímpica Desirée Vila.

O domingo, ás 12.00 horas, o ‘Galicia en goles’ estará centrado nos encontros de fútbol feminino, a Preferente e o Liceo - Xirona, da liga de hóckey a patíns. Ás tres da tarde, a Segunda B e a Terceira protagonizarán a xornada con especial atención aos encontros Celta B - Unionistas, Fabril - Coruxo, Salmantino - Pontevedra, Guijuelo -Bouzas e Rácing de Ferrol-Arousa. Desde as oito e media, adestradores e xornalistas debaterán no Faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos. O tempo de debate poderán seguilo os oíntes a través do Mira RG na web radiogalega.gal e na aplicación para o móbil.

O domingo, ás once da noite, Pedro Pablo Alonso conducirá unha nova edición de ‘Ao contraataque’, co debate dos expertos sobre a Liga de fútbol.