CRTVG

Buscar

A loita pola permanencia, aberta e incerta

Publicado o 15/04/2019 21:12

A pelexa pola permanencia preséntase apertada e chea de incerteza. 7 equipos loitan por seguir a temporada que vén na primeira. Ben é certo que as esperanzas do Raio e do Huesca van esvaecendo segundo pasan as xornadas e non chegan as vitorias. Pero entre o Valladolid, antepenúltimo e Xirona, décimo cuarto, hai apenas 3 puntos de distancia. Por iso, ninguén está disposto a se render, como sinala Sergio González, o técnico do equipo pucelano: "Temos que estar moi tranquilos porque ao final por moitas pedras que haxa no camiño estou seguro de que as sacaremos todas".

Porque, ademais, cada xornada garda enfrontamentos directos entre os equipos implicados. Por exemplo, a vitoria do Vilarreal ante o Xirona permítelle aos castellonencos respirar un pouco:  "Somos conscientes da realidade dende hai moito tempo, quizais os equipos que se están a meter agora en postos perigosos, ese período que pasa ata saberes onde estás, a pelexa que tes e iso, pódelles pasar factura", apunta o adestrador do Vilarreal, Javi Calleja.

Pois algo diso pódelle estar pasando a un Xirona que encadea 4 derrotas seguidas e visita Balaídos o sábado.

Eusebio Sacristán, ex-adestrador celeste, xa pensa na final do sábado en Balaídos: "Ímonos centrar cen por cento no seguinte partido. Imos a Vigo, xogamos contra o Celta, a preparar o partido ben e a por eses tres puntos".

Porque a situación pode ser apurada, pero aquí ninguén se rende, como di Paco López, técnico do Levante: "Serei o único optimista que hai agora mesmo, enténdoo perfectamente. Seguimos a depender de nós mesmos, non imos tirar a toalla".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019