CRTVG

Buscar

Acusados de homicidio os pais dos nenos mortos en Godella

Publicado o 16/03/2019 10:53

• A nai, condenada no 2011 por agredir policías no 15-M, padece un transtorno mental e pensaba que o seu fillo maior estaba posuído 

• Outros casos que conmocionaron a sociedade

Xornada de loito en Godella, Valencia, polo asasinato dos dous irmáns de tres anos e medio e cinco meses, respectivamente. Os pais dos cativos están detidos á espera de pasar a disposición xudicial mentres se investigan as causas do sucedido.

A nai foi trasladada este venres a un centro hospitalario para que se determine, por parte de especialistas en psiquiatría, se está en condicións mentais de prestar declaración, debido á enfermidade que padece.

Do resultado deses informes psiquiátricos dependerá se a nai declara ou non nas próximas horas diante do xuíz. Tamén o pai está previsto que pase hoxe a disposición xudicial. E todo á espera de coñecérense os resultados da autopsia, que determinarán a causa do falecemento dos pequenos.

De momento, o xulgado de Paterna abriu un sumario por dous delitos de homicidio á espera de que as autopsias dos menores e as análises toxicolóxicas dos pais poidan clarexar o sucedido. As vítimas, un neno de tres anos e medio e a súa irmá, de apenas cinco meses, puideron morrer como consecuencia de varios golpes, xa que os corpos presentaban numerosas contusións na cabeza.

A alcaldesa de Godella explicou que os servizos sociais do Concello tiñan abertos dous expedientes sobre a familia. O primeiro en 2016 pero arquivárono porque abandonaron o concello. O luns pasado, a avoa chamou á policía para advertir da mala situación da familia.

O mércores a avoa chamou ao teléfono do menor, que se puxo en contacto cos servizos sociais. Pero esta actuación xa quedou interrompida. No serán do xoves a Garda Civil, guiada pola nai dos cativos, atopou os corpos enterrados preto da caseta onde malvivía a familia.

A nai fora condenada en 2011

A nai dos dous pequenos asasinados xa fora detida en 2011 pero por algo que agora queda nunha anécdota. De familia acomodada pero ideoloxía antisistema, participara nas protestas máis extremas do movemento 15-M, o que lle valeu unha condena a realizar traballos sociais por agredir varios axentes da Policía. Ao parecer, nos últimos anos achegouse ao ocultismo. Padece un trastorno mental para o que non se medica e pensaba que o seu fillo maior estaba posuído.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/03/2019