CRTVG

Buscar

Ciudadanos e PP discrepan polo cara a cara con Pedro Sánchez

Publicado o 15/03/2019 19:59

O PSOE retrasa a publicación das súas listas electorais ante as diverxencias da dirección coas federacións andaluza e aragonesa. Na precampaña, Ciudadanos e PP discreparon hoxe  polo cara a cara con Pedro Sánchez. Hoxe reclamouno Albert Rivera e Pablo Casado respondeu que o único debate a dous pertinente debe ser co líder da oposición.

 

Unidos Podemos lamenta que os principais partidos estean promovendo unha precampaña agria, en palabras de Alberto Garzón. O líder de Izquierda Unida acusa ao PP de teren un problema cos pobres e de lanzar propostas que vulneran dereitos humanos.

Alberto Garzón, Unidos Podemos: "Cada vez que escoitamos os dirixentes da dereita española, como Pablo Casado, o que escoitamos é a extensión do odio, discursos xenófobos, discursos clasistas"

A comisión de listas do PSOE debía emitir este venres o seu dictame sobre as candidaturas definitivas. Retrasouno ata o domingo ante as diverxencias en catro provincias andaluzas e dúas aragonesas. Outras fendas internas, as de Ciudadanos, tentounas pechar o seu líder cun encontro con todos os seus candidatos e un chamado á unidade. Alí, Rivera retou a Sánchez a un debate como o que Pablo Casado propuxera días atrás.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos"Reto ao señor Sánchez a que, se de verdade ten un proxecto para España máis aló de dividirnos, se ten algo que contarnos máis aló de insultar aos españois que van cunha bandeira de España, que acepte un debate comigo cara a cara para debatir o noso proxecto de España"

Pablo Casado,  presidente do PP: "Hoxe outros pedían un cara a cara, está moi ben, pero é que nos temos 102 escanos máis e, segundo todas as enquisas, 10 puntos máis ca eles. Eu vou debater a cinco ou a catro, pero un cara a cara debe ser do líder da oposición co presidente do Goberno, das dúas únicas alternativas que poden liderar o Goberno".

A poucas horas de que remate o prazo para presentar coalicións, os populares recoñeceron un intento de pactar candidatura con Ciudadanos en Euskadi, unha oferta rexeitada polo partido laranxa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/03/2019