CRTVG

Buscar

Comeza no Supremo o xuízo aos doce líderes políticos independentistas cataláns

Publicado o 12/02/2019 12:22

Ás dez da mañá comezou no Supremo o xuízo do procés. Un tribunal composto por seis homes e unha muller serán os encargados de dirimir a responsabilidade penal dos doce líderes independentistas cataláns durante os feitos acontecidos en setembro e outubro de 2017 en Cataluña. 9 deles están acusados de rebelión. 

O Tribunal Supremo afronta desde hoxe o xuízo máis importante dos seus 200 anos de historia, e, sen dúbida, un dos máis mediáticos: o xuízo do procés. No banco dos acusados sentan doce líderes independentistas cataláns, 9 deles en prisión preventiva e 3 en liberdade provisional. Xúlganos por organizar e promover o referendo do 1 de outubro de 2017 e proclamar unilateralmente a independencia de Cataluña. Dos cinco delitos dos que os acusan, a nove deles impútanlles o de rebelión, que implica a existencia de violencia, polo que poderían condenalos a 25 anos de prisión. A Fiscalía cre que si a houbo. A Avogacía do Estado, tras cambiar de criterio, pensa que non e atribúelles sedición.

"Máis política e menos Código Penal. Debe aplicarse o principio de legalidade. Ninguén pode ser condenado por algo que non está previsto no Código Penal", dicía Ester Capella, conselleira de Xustiza da Generalitat.

Acompañando os acusados, estará entre o público o presidente da Generalitat, Quim Torra, que será recibido no Supremo pola xefa do gabinete do presidente do alto tribunal, Carlos Lesmes. Torra reiteraba nas últimas horas que só cabe a absolución.

"Se non, quen terá un problema será a Xustiza española se non os absolven. E nós teremos unha resposta, porque nos xulgan a todos", dicía Torra.

A última hora de onte, o presidente da Generalitat mais o do Parlamento catalán saían da estación de Sants cara a Madrid, canda os ex-conselleiros Carles Mundó e Meritxell Borrás, en liberdade provisional, e que serán xulgados por malversación e desobediencia. Nesta primeira xornada de cuestións previas, as defensas dos acusados reclamarán a nulidade da causa e alegarán vulneración de dereitos e falta de imparcialidade da Garda Civil, encargada da investigación.

"Vulneráronse os seus dereitos fundamentais e non hai garantías dun xuízo xusto", dicía Roger Torrent. 

Tras as cuestións previas, o ex-vicepresidente Oriol Junqueras será o primeiro en declarar.
600 xornalistas de 170 medios de comunicación nacionais e internacionais están acreditados para seguir o xuízo, que será televisado e que se prevé que dure uns tres meses. A previsión do Tribunal é que remate antes das eleccións municipais de maio.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019