CRTVG

Buscar

Condenado a 17 anos o home que matou un veciño cunha rozadoira na Cañiza

Publicado o 15/04/2019 18:42

• José Luis Viéitez recibe a pena de prisión, de acordo co veredicto do xurado, por un delito de asasinato e outro de intento de homicidio

A Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo co veredicto do xurado, condenou a 17 anos de cárcere como autor dun delito de asasinato e doutro de intento de homicidio o home que matou o seu veciño cunha rozadoira en xuño de 2017 na Cañiza e que tratou de acabar coa vida da filla da vítima.

Á hora de ditar a pena, a Audiencia aplicou unha eximente por considerar acreditado que o sospeitoso sufría unha "limitación parcial das capacidades psíquicas" cando cometeu os feitos. O imputado tamén foi sentenciado a indemnizar a filla do falecido con 300.000 euros e a muller con 150.000 euros, do mesmo xeito que ao fillo.
 
A resolución xudicial destaca que o acusado e o seu veciño mantiñan "moi malas relacións por conflitos de lindes e polo uso dun camiño que derivaron en denuncias mutuas", asegura o TSXG nunha nota.

O día dos feitos, o condenado estaba cunha rozadoira acendida no camiño polo que mantiñan disputas e que pasa por diante da casa das vítimas. Os seus veciños, pai e filla, saíron do seu portal e dirixíronse cara a el. Nese momento, atacou o seu veciño coa rozadoira e, despois, a moza. O xurado considerou que o falecido non tivo capacidade de defensa, pero si a súa filla, quen sofre graves secuelas.

O xurado destaca que o condenado ten "un coeficiente intelectual límite" e que estivera a tratamento psicolóxico e psiquiátrico por trastorno ansioso depresivo. Ademais, sinala que sofre, como consecuencia da hostilidade co seu veciño "un trastorno postraumático que non estaba diagnosticado", pero que lle facía sentir "medo do seu veciño" por unha agresión anterior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019