CRTVG

Buscar

Dende Bruxelas ao Porriño, os cidadáns piden actuar contra o cambio climático

Publicado o 15/03/2019 23:03

Máis de mil cidades de todo o mundo súmanse hoxe á reivindicación de medidas que reduzan o cambio climático. O movemento está especialmente protagonizado por estudantes que, desde hai semanas, cambian as aulas polas rúas para pedirlles aos políticos que reaccionen para protexer o medio ambiente. En Bruxelas a participación cada vez é maior.

Hoxe non, pero cada día estes manifestantes van ao instituto ou á universidade, a maioría non teñen aínda a idade legal para poder conducir ou votar nas eleccións. Pero a súa mensaxe vai directamente dirixida aos adultos e políticos de todo o mundo, que coas súas decisións de hoxe están comprometendo o que pasará cando eles, os políticos, non estean, dentro de cincuenta anos ou máis, e si estean os estudantes de agora, que ven en perigo o seu futuro.

Os máis novos cambian as aulas polas rúas para pedirlles aos adultos que se responsabilicen e actúen para reducir as consecuencias dun cambio climático que, en maior medida, sufrirán eles. As mensaxes reivindicativas que máis escoitamos son argumentos con base científica que confirman que non hai un plan B, en materia climática, para o Planeta.

En máis de mil cidades de todo o mundo, medio cento en España, hoxe é un "venres para o futuro". Desde Australia, Hong Kong ou O Porriño, hai marchas e concentracións pedindo a implicación de todos contra o cambio climático. A inspiración chega de Suecia. Greta Thunberg, con só 16 anos, foi a primeira activista climática que cambiou o colexio pola acción a prol da conservación do planeta.

Galicia sumouse ao movemento impulsado pola moza sueca Greta Thunberg, que esixe medidas para evitar o cambio climático. En Ourense, mozos, aos que se uniron persoas de todas as idades, xuntáronse no campus universitario. Piden cambios na conciencia dos cidadáns para acadar melloras no respecto ao noso ámbito natural. Esíxenlles tamén aos gobernos que tomen conciencia e medidas reais contra a contaminación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/03/2019