CRTVG

Buscar

Gómez-Reino: "A solución en Cataluña require política e encontros dialogados coa Generalitat"

Publicado o 11/02/2019 11:19

No tempo da conversa, Marcos Sueiro entrevista a Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos.

Manifestacións do domingo

"Habería que empezar pola de Santiago, que é a importante, que é a que creo que nos compete como país. Participei na de Santiago con miles de persoas. (...) As propostas da Xunta parécenme insuficientes, pero non a min, creo que tamén á maioría da comunidade sanitaria. Levamos moitos anos con descenso orzamentario da sanidade pública, e a OMS di que o que era un dos sistemas sanitarios máis importantes do mundo está sendo desmantelado; e desmatelado cun obxectivo: privatizar. E privatizar é o modelo que busca o PP. [Feijóo] Semella algo estraño que prefira estar ao lado de Falanxe e de Vox que da man de médicos, enfermeiros e enfermeiras, de doentes, cidadáns...".

"Toda manifestación é lexítima"

"Compartir manifestación con grupos claramente da extrema dereita non é o mellor camiño para partidos que din que cren nun modelo democrático do Estado español. Tamén é verdade que a manifestación [de Madrid] de onte non tivo o éxito que as forzas convocates pretendían (...), posiblemente porque unha parte do electorado da dereita non entende esa polaridade extrema que nos está levando Casado e Rivera ao que sorprendentemente se uniu o señor Nuñez Feijóo".

"A vía política implica diálogo. O PP enviou tres negociadores ou emisarios a Cataluña cando gobernaba hai poucos meses. Non entendo que se organice esa lea pola cuestión dun relator. Eu o que poño de mostra é: que fai O Canadá co Quebec? Que fai o Reino Unido con Escocia? Que fai incluso Francia con Nova Caledonia? Poñen enriba da mesa solucións políticas a cuestións que evidentemente non tiñamos que situarnos na calella en que estamos agora mesmo".

"Eu estou poñendo enriba da mesa que hai que abrir a vía política e a vía ao diálogo. A solución en Cataluña ten que vir de buscar encontros dialogados".

Preocupación por unha parte da sociedade polo que sucede en Cataluña

"Eu creo que nunca tiñamos que chegar a esta situación, é evidente. Nunca tiñamos que xudicializar un problema que é de índole política. Esta situación require política e diálogo".

Presupostos xerais do Estado para Galicia

"Estamos en diálogo co Goberno. Sempre dicimos que os PXE son os máis sociais. E son os máis sociais porque o grupo conferederal con En Marea á cabeza arrancoulle ao Goberno unha serie de medidas moi importantes, como a subida do salario mínimo interprofesional, a revalorización das pensións en función do IPC e outras cuestións; pero agora tamén teñen que cumprir con Galicia".

Prioridades de En Marea

"Están recollidas nun documento que é público e que chamamos a 'Axenda Galega do Cambio'. Son 50 medidas que non todas son de ámbito orzamentario, que son para desenvolver nunha lexislatura".

Goberno de Pedro Sánchez

"Evidentemente, non goberna como gobernariamos nós. Pedro Sánchez ten que entender que non pode gobernar con 84 deputados, ten que chegar a acordos, e no marco xeral tense que entender que se acabou o tempo do bipartidismo".

Íñigo Errejón

"Igual que pedimos independencia para Galicia, as cuestións de Madrid teñen que resolvelas en Madrid. O órgano de decisión de Podemos a nivel estatal xa tomou unha decisión que ten que ver con lanzar un proceso de candidatura de cara á Comunidade de Madrid e, evidentemente, sumar todos os actores, a todos nos que están na esquerda madrileña. Eu non teño dúbidas de que se vai chegar a un bo porto nese sentido".

"O movemento [de Errejón] pareceume lexítimo, pero non foi unha proposta que emanou dos órganos de dirección do partido e en política é importante respectar os órganos de decisión do partido. En todo caso, o fundamental é gañar a comunidade de Madrid e estou convencido de que vamos a chegar a bo porto".

"En política se din moitas cousas que igual hai que pensar o impacto que teñen e o mesmo Echenique dixo que as palabras non foran acertadas".

Primaria de En Marea en Galicia

"O 8 de xaneiro demos este capítulo por pechado. Entre outras cousas, porque sabemos o que nos esixe a cidadanía, que é que traballemos para en maio ter un bo resultado para consolidar o cambio nas municipais e preparar o camiño para unhas eleccións xerais".

Enquisas electorais

"Poñen de relevo que estamos en disposición de revalidar as alcaldías que temos agora mesmo. Agora hai que traballar non só para revalidar, senón para que as nosas propostas convenzan máis xente".


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019