CRTVG

Buscar

Falece o candidato do PSOE á alcaldía de Narón, Octavio Dopico

Publicado o 15/04/2019 19:27
Falece o candidato do PSOE á alcaldía de Narón, Octavio Dopico

O candidato do PSOE á Alcaldía de Narón, Octavio Dopico, faleceu este domingo tras sufrir unha enfermidade que o apartou da primeira liña política nas últimas semanas, segundo confirmaron fontes municipais.

Nun comunicado, o Concello naronés trasladou o seu "máis sentido pésame" e expresou as súas "máis sinceras condolencias". A alcaldesa, Marián Ferreiro, de Terra Galega, mostrou o pesar da corporación local a "familiares e amizades" do dirixente, que formaba parte do actual Goberno local.

Dopico, médico no principal centro de saúde naronés, exercía no actual mandato como edil de Sanidade e Medio Ambiente. O Executivo municipal, liderado por Terra Galega como forza con máis representación no consistorio, inclúe os representantes de PSOE e BNG a modo de coalición tripartita.

A rexedora, en nome da corporación, tamén fixo extensivas "esas condolencias á agrupación socialista de Narón, onde militaba desde hai varios anos" e na que era ata o seu falecemento o secretario xeral. A Xunta de Portavoces do Concello naronés reuniuse este luns con carácter extraordinario ao transcender a noticia e acordou convocar un pleno extraordinario para a xornada deste martes. A cita, que comezará ás 11:15 horas, permitirá "transmitir á familia as condolencias e declararanse dous días de loito oficial", tanto o martes como o vindeiro mércores. En ambos os días ondearán a media hasta as bandeiras dos edificios públicos dependentes do consistorio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019