CRTVG

Buscar

Os 12 procesados, quen é quen

Publicado o 12/02/2019 17:09

Os feitos investigados aconteceron en setembro e outubro do ano 2017. O Goberno e o Parlamento cataláns comezaron a aprobar unha serie de iniciativas de ruptura co Estado, incluíndo a celebración dun referendo prohibido polo Constitucional o 1 de outubro e tres semanas despois unha Declaración Unilateral de Independencia, feitos que desencadearon a aplicación do artigo 155 da Constitución e a intervención da autonomía catalá.

Neste xuízo son doce os acusados aos que se lles imputan cinco delictos, o máis grave deles, o de rebelión. A Fiscalía considera que se tentou subvertir a orde constitucional usando a violencia. Para a Avogacía do Estado, pola contra, incorreron nun delito de sedición, con penas menores. E ademais destes dous cargos, tamén se lles acusa de malversación de fondos públicos, organización criminal e desobediencia.

Oriol Junqueras, entón vicepresidente da Generalitat, enfróntase á maior petición de pena: 25 anos de cárcere. Para a que era presidenta do Parlamento catalán, Carme Forcadell, 17 anos de prisión, os mesmos que para os chamados Jordis, Sánchez e Cuixart, líderes das asociacións soberanistas Asemblea Nacional Catalá e Òmnium Cultural.

Tamén sentan no banco dos acusados oito ex-conselleiros: Jordi Turull, Josep Rull, Raul Romeva, Joaquim Forn e Dolors Bassa, para os que a Fiscalía pide 16 anos de cárcere. Completan a lista Carles Mundó, Meritxell Borrás e Santi Vila, os únicos que se atopan en liberdade baixo fianza. Para eles piden 7 anos de prisión.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019