CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos advirten de que seguirán coa presión sobre Maduro

Publicado o 15/04/2019 08:06

O secretario de Estado dos Estados Unidos, Mike Pompeo, concluíu en Colombia a súa xira lationamericana por catro países do Grupo de Lima. Desde a fronteira con Venezuela, en Cúcuta, Pompeo reiterou que continuarán con máis presión diplomática e máis sancións contra a cúpula cívico militar que sostén a Maduro no poder.

"Señor Maduro, abra estas pontes, abra estas fronteiras". Foi a mensaxe que, desde Cúcuta, lle enviou o secretario de Estado dos Estados Unidos ao presidente venezolano. Pero o ton conciliador durou pouco.

"A usurpación de Maduro debe rematar", dixo Pompeo, e advertiu que Washington non vai afrouxar no seu empeño en restaurar a democracia e facer caer o réxime totalitario, que debe rexeitar toda Venezuela, dixo, incluída a cúpula militar.

Tras pasar polo Perú, por Chile e Paraguai, o enviado de Trump aterraba nas últimas horas en Colombia e visitaba a fronteira onde se acumula desde febreiro a axuda humanitaria, na ponte internacional Simón Bolívar, aínda bloqueada.

Iván Duque, presidente de Colombia: "Celebro que, unha vez máis, se ratifique o compromiso que temos entre os nosos países para facer todos os esforzos necesarios para o restablecemento da democracia, a liberdade e a orde institucional en Venezuela".

O presidente colombiano destacou que na reunión do Grupo de Lima de mañá en Santiago de Chile se fará énfase en que se debe apelar a todas as sancións políticas, económicas e diplomáticas para permitir, dixo, a transición en Venezuela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019