CRTVG

Buscar

Os veciños quéixanse de que o paso elevado de Perillo é moi esvaradío coa xeada

Publicado o 11/02/2019 13:27

Este paso elevado é o que teñen ducias de veciños de Perillo, no concello de Oleiros, para desprazarse como peóns con seguridade dun lado da estrada ao outro. É utilizado acotío no camiño ao colexio, ao autobús, etc. e, segundo contan, en inverno hai días que o tránsito por el implica certo risco. Sobre todo, se xeou. Algúns veciños din que teñen que pasar varias veces ao día polo paso elevado e que en inverno o chan está esvaradío.

Unha residente na vivenda do lado di que varias veces tivo que chamar para que viñeran botar sal para non esvarar. As persoas maiores tamén se queixan da forte pendente que teñen as ramplas.

Veciñas e veciños de Perillo din que coa humidade e, sobre todo con xeada, o paso elevado non é seguro para o tránsito de peóns.

Nesas situacións, adoitan acudir os servizos municipais de Oleiros. Segundo nos dixeron desde Protección Civil, os días de xeada aquí son poucos e co esparexemento de sal o paso recupera a viabilidade. A alternativa ao paso elevado supón para os peóns un rodeo importante. Na zona consideran que o idóneo sería un paso de peóns na calzada regulado por semáforo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019