CRTVG

Buscar

Outros casos que conmocionaron a sociedade

Publicado o 15/03/2019 15:15

O parricida de Oza-Cesuras, Marcos Javier Mirás, matou o seu fillo de 11 anos o Día da Nai de 2017. Esa fin de semana tocáballe estar co pequeno polo réxime de visitas estipuladas. Levou o neno ao monte e alí golpeouno cunha pa ata matalo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou o mes pasado a condena de prisión permanente revisable para o autor do crime.

Dous anos antes ocorreu o dobre parricidio de Moraña. David Oubel asasinou as súas fillas Candela e Amaia, de 9 e 4 anos, cun coitelo de cociña e unha serra radial. O seu foi o primeiro caso de condena de prisión permanente revisable.

En 2013 aparecía o cadáver de Asunta Basterra a carón dunha pista na localidade de Teo. Os seus pais permanecen no cárcere tras ser condenados a 18 anos de prisión como autores do asasinato coa agravante de parentesco.

Fóra de Galicia, o caso máis recente é o do pequeno Gabriel. A parella de seu pai, Ana Julia Quezada, confesou ser a autora da morte violenta do menor en febreiro do ano pasado na localidade de Rodalquilar, na provincia de Almería.

En 2016, Patrick Nogueira asasinou os seus curmáns, de un e catro anos, en Pioz. Tamén matou e despezou os pais dos pequenos. Fíxoo con aleivosía e asañamento. Foi o quinto condenado en España a prisión permanente revisable.

Outro caso especialmente duro foi o asasinado de Ruth e José, de 6 e 2 anos. O seu pai, José Bretón, matounos e queimounos nunha leira familiar en Córdoba para intentar ocultar o crime. Foi condenado a 40 anos de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/03/2019