CRTVG

Buscar

Mata o seu compañeiro de piso na Coruña tras discutir por un vídeo de tipo sexual

Publicado o 12/04/2019 20:39

A difusión dun vídeo de contido sexual pode estar detrás do presunto asasinato dun home no barrio coruñés de Labañou. Outro home entregouse á policía despois de confesar que esganara o seu compañeiro de piso. Os dous vivían no cuarto piso do número 7 da rúa Honduras. Segundo fontes da investigación, o detido, uruguaio de 28 anos, avisou a Policía pasadas a unha e media da mañá.

Confesou que esganara cun cinto o seu compañeiro pola difusión dun vídeo de contido sexual en que tamén se vía consumindo substancias estupefacientes. A vítima tiña 46 anos e era dominicano. Hai case tres anos alugara o piso, de tres cuartos, que agora compartía con outras tres persoas. O subarrendamento dos cuartos sorprendeu a propietaria do inmoble. "Cólleme de sorpresa. Ignorabámolo. Eu estou á miña vida, traballando, e non estou pendente se o inquilino ten xente dentro ou non ten xente dentro. No contrato pon que non se admiten subarrendamentos". "Si que che estrañaba que un día ves un veciño, outro día ves outro, que cambiaba de xente a miúdo. A min cádrame o que me dixo o inspector, que tivera subalugados", asegurou un veciño do edificio.


O detido agardou no portal os axentes da policía. "Seguramente que non fixo resistencia. O balbordo que había era de baixar moita xente, non de balbordo".

Confesou que ambos se dedicaban á prostitución. A difusión do vídeo e unhas débedas pendentes polo arrendamento dun cuarto provocaron a discusión. Permanece detido á espera de pasar a disposición xudicial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí