CRTVG

Buscar

Un policía nacional férese en Vilagarcía durante a detención dun vendedor de droga

Publicado o 15/03/2019 13:43

Axentes da Policía Nacional prenderon un home de 53 anos en Vilagarcía sospeitoso de estar vendendo droga a pequena escala. Trátase dun vello coñecido da policía con numerosos antecedentes.
Ao se decatar da presenza policial tentou fuxir nunha bicicleta. Nese intre foi cando un dos axentes quedou ferido leve. Segundo o parte médico, ten contusións na man dereita, nun cóbado e nos dous xeonllos das que tardará dúas ou tres semanas en recuperarse.

No momento da detención atopáronlle 2,1 gramos de cocaína repartidos en dezaseis bolsas, 1,2 gramos de heroína repartidos en sete bolsas, case cinco gramos de haxix repartidos en dúas barras e nove doses de metadona. Tamén se incautaron de 29 euros, un teléfono móbil, varias tarxetas SIM e a bici.

O arresto tivo lugar o martes ao mediodía e ao día seguinte declarou no xulgado de garda. Quedou en liberdade con cargos, acusado dun delito contra a saúde pública e outro de atentado contra un axente da autoridade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/03/2019