CRTVG

Buscar

Unha veciña de Carnota fai 105 anos en perfecto estado de saúde

Publicado o 11/04/2019 13:23

Enriqueta, a avoa de Quilmas, Carnota. Aos 105 anos, radiante e facendo calceta acotío.
Enriqueta personifica 105 anos dunha vida en que houbo momentos felices, sobre todo na mocidade, e tamén moi duros. Cita a perda prematura das fillas e fillos e que o seu home tamén morreu novo, tras enfermar na guerra civil, e entre tantas lembrazas, os atrancos que lle puxo o cura para o casamento.

Enriqueta Bermúdez, acaba de facer 105 anos: "Despois casounos. E mandounos ir para estar ás sete da mañá en San Mamede, a andar polo monte, de noite no mes de febreiro, eh. Fíxase... era un cabrón, eh".

Vive en Quilmas, Carnota, e móstrase feliz. Érguese arredor das nove e segue a gozar coa calceta que, canda a costura e a venda de peixe, foron as súa fontes de ingresos.

"Quería traballar na terra, cavar, pero o brazo non mo permite. A cabeza funcióname ben, aínda que ás veces non me lembro dos nomes".

En breve ten vez no médico, unha cita que afronta con tranquilidade.

"Dime que estou ben e nada máis. Sempre me di que eu venzo a morte".

Enriqueta refírese a familiares lonxevos e di que para logralo non hai receitas, que é cousa do destino.

Orgullosa dos seus, coa nora á fronte, non lle escatima gabanzas.

"Agora aos cinco anos vanme nacer os dentes".

Na súa agradable conversa, a avoa de Carnota tamén ten espazos para a risa e para deixar proba do bo sentido do humor aos seu cento cinco anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/04/2019