CRTVG

Buscar

Veterinarios de Vigo alertan de que a praga da procesionaria supón perigo

Publicado o 11/02/2019 17:40

A procesionaria incrementa a súa presenza nas zonas verdes da cidade de Vigo e os veterinarios alertan xa do alto número de mascotas infectadas. A perigosa eiruga, que afecta os piñeiros, está no Castro, en Samil, en Castrelos e mesmo nos xardíns do Museo Liste. O Concello xa puxo en marcha varios métodos preventivos, dado que os pelos desta larva provocan importantes reaccións alérxicas nos animais e mesmo pode ser mortal.

A súa presenza xa é claramente visible en zonas de piñeiros coma esta de Samil. A procesionaria comeza a saír antes de tempo por mor do cambio climático. O contacto con este tipo de larvas, cando abandonan os niños e baixan polos troncos desta árbore ao chan, é moi perigoso.

Os veterinarios alertan do aumento do número de casos que están a atender nos últimos meses nas mascotas. Esta eiruga ten uns pelos urticantes que se cravan na pel do animal inxectándolle o seu veleno. As reaccións alérxicas que provoca poden mesmo acabar en morte se non se collen a tempo.

Os donos dos cans, coñecedores en moitos casos do perigo da procesionaria, evitan pasear por zonas cheas de piñeiros.

As zonas máis afectadas son esta de Samil, pero tamén O Castro, Castrelos e os xardíns do Museo Liste. Amais destas argolas colocadas nos troncos dos piñeiros, dende o Concello xa puxeron en marcha tratamentos fitosanitarios como nova medida de prevención.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019