CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións, data dubidosa

12/02/2019 - 08:07 h

Neste país hai que cambiar de opinión cada vinte e catro horas. Ou aínda menos. Se onte me preguntases se vía posible que as eleccións fosen o 14 de abril, diríache que de ningún xeito. Como ía convocalas Pedro Sánchez despois do que pasou na praza de Colón de Madrid? Aquilo estaba cheo de pancartas que dicían “Stop Sánchez, eleccións xa”. Chamar ás urnas de inmediato sería unha rendición, e quen escribe un Manual de resistencia non se rende nunca.

Pero o que son as cousas. Unhas horas despois de que falásemos, filtrouse á axencia Efe o que cambiou o panorama: Sánchez está disposto a adiantar. E non para facer un superdomingo o 26 de maio, senón moito antes, no mes de abril. Descoloque xeral. Este non é o Sánchez que coñecemos. É un Sánchez que tamén cambiou de modo de pensar. Xa non quere esgotar a lexislatura. Non quere nin pasar a proba do 26 de maio, por se hai unha varrida do Partido Socialista en concellos e autonomías. Pero tampouco quere parecer que cede á presión das dereitas. Conclusión: aproveitar a votación dos presupostos mañá mesmo e, se non hai apoio independentista, disolver as Cortes.

Pode ser. No fondo é o que estaba na opinión pública, pero Sánchez non o aceptaba porque quería esgotar. Por que cambia de estratexia? Eu, como son un galego mal pensado, non me fío de todo, e deixo unha marxe á dúbida de se se lanza iso para desviara atención da manifestación do domingo. E conseguiuse: hoxe, esa protesta xa parece de hai un ano. Pero ten que haber algo máis: os sensores da Moncloa, que manexan Iván Redondo e Tezanos, chegaron a unha conclusión: hai que variar o rumbo, porque, tal como van as cousas, todo xoga en contra de Sánchez. Non consegue quitar de encima o sambenito de ser refén dos independentistas e cada día que aguanta sae máis prexudicado por esa imaxe de apego ao poder. Impórtalle un pemento o país; o único que lle importa é seguir no pazo da Moncloa, aínda que só sexa uns días.

Coido que esas son as claves do movemento de Sánchez: distanciarse do independentismo pola cuestión da autodeterminación e os presupostos, e darse un verniz de xenerosidade mostrando que non está apegado ao poder. O pasado na praza de Colón permítelle engadir: Que veñen as dereitas! E así vai probar fortuna. Cunha reserva, Valiñas: isto que acabo de dicir vale para hoxe. Non xogo unha cunca de viño a que valla para mañá.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí