CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Portero Molina: "A clave do xuízo do 'procés' está en saber se houbo ou non violencia"

12/02/2019 - 08:10 h

O catedrático de Dereito Constitucional José Antonio Portero Molina asegura que a clave do xuízo polo referendo independentista está "en saber se houbo ou non violencia" para determinar se os feitos son constitutivos dun delito de rebelión ou de sedición. Nunha entrevista no 'Galicia por diante', lembrou que o anterior fiscal xeral do Estado, o xuíz instrutor Pablo Llarena e os fiscais do Tribunal Supremo falaron sempre de rebelión porque "a violencia non implica a exhibición de armas tal e como recolle o Código Penal".

Molina di que "cabe rebelión sen armas, se o obxectivo é derrogar ou modificar a Constitución e declarar a independencia". O profesor da Universidade da Coruña salienta que a sedición non di nada de violencia, polo que -conclúe- "a diferenza é moi importante".

Portero Molina compara este xuízo co do 23-F e afirma que "nun caso queríase frear o sistema democrático, volver cara a atrás e restablecer un sistema autoritario. Neste caso, o obxectivo era a declaración de independencia, romper igualmente co modelo constitucional vixente".

Ao preguntarlle pola estratexia do independentismo de cuestionar o sistema xudicial do Estado, Molina di que "o desprestixio do conxunto do sistema público español é un leitmotiv do discurso independentista dende sempre". Destaca que está habendo "un plus de cortesía xudicial" cos procesados e coas autoridades que van ir alí e apunta que se "van poder sentar cos lazos amarelos, van poder utilizar o catalán. O presidente do Tribunal Supremo vai recibir o presidente da Generalitat como a autoridade que é".

"Eu creo que se están dando todas as garantías. Primeiro porque así é como se funciona e, logo, porque está a posibilidade de que haxa recurso no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Por iso, estase a mirar con lupa cada un dos actos e pasos que se dan no proceso. Ao Supremo non lle van afectar as críticas que se están facendo e que se farán, e as proclamas na vista pública tanto das defensas como dos procesados", apunta Portero Molina.

O profesor de Dereito Constitucional cre que o presidente da sala do Supremo terá que evitar que a vista se converta nun "mitin" e cre que "o PP e Ciudadanos se estarán tirando dos pelos porque Vox, que exerce a acusación popular, terá protagonismo durante estas semanas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí