CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Barreiro: "Antes dun mes estarán publicadas as novas convocatorias de emprego público"

12/02/2019 - 08:22 h

A Xunta convocará nas próximas semanas varias oposicións para cubrir preto de 850 prazas de emprego público na Administración galega. Vanse publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) quince convocatorias diferentes de prazas na función pública. Por unha banda, ofertaranse 305 prazas para auxiliares de clínica, que traballarán en centros sociais, atención a maiores ou a dependentes. 269 prazas serán para reforzar o servizo antiincendios en distintos postos (condutor de motobomba, bombeiros forestais, vixilantes...). Convocaranse tamén 208 prazas para persoal subalterno, 54 para seguridade e saúde no traballo, 7 de técnicos de estatística e 4 letrados da Xunta de Galicia.

O director xeral da Función Pública da Xunta de Galicia, José María Barreiro, di que "nas vindeiras dúas ou tres semanas estaremos publicando as convocatorias e antes dun mes estarán publicadas as quince convocatorias". Afirma que "estariámonos achegando con estas convocatorias e coas previstas nos próximos tres ou catro meses ao 10 por cento no ámbito da función pública".

José María Barreiro explica que "no proceso de funcionarización estamos xa traballando no decreto de funcionarización, que xa estamos coa presentación e comentarios coas organizacións sindicais. Na oferta de emprego de 2018 xa saíron 577 prazas de funcionarización, no decreto de marzo sairán máis de 1.000 e despois queda convocar nos próximos meses en procesos que son moi sinxelos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí