CRTVG

Buscar

Pescadores de historias

A Illa de Arousa e a súa ponte

16/07/2017 15:45 h

A ponte da Illa de Arousa non se construiu ata o ano 1985. O programa comeza falando con nenos e nenas de 5º curso do Colexio de Educación Infantil e Primaria Torre-Illa que no ano 2016 realizaron un documental sobre a ponte, o que lles amosou unha realidade habitual para os seus avós, pero descoñecida para eles.
Unha das persoas que máis estudou sobre o tema é Genito Otero, empregado de banca hoxe retirado, que conta os cambios que trouxo a ponte para os costumes dos veciños e veciñas, como foi o ter que habituarse á presenza de coches na Illa de Arousa.
Tamén supuxo cambios no mundo do mar. A Illa ten unha das confrarías con maior número de asociados de Galicia e tamén unha das maiores frotas bateeiras. O bateeiro Julián García explica como a ponte lles brindou a posibilidade de poder descargar os mexillóns na propia Illa, xa que antes tiñan que facelo noutros portos pola imposibilidade de entraren camións para o transporte.
X.H. Rivadulla Corcón fala tamén coa primeira muller que cruzou a ponte antes de que fora inaugurada: Saladina Castro, traballadora dunha conserveira, que a cruzou cando ía dar a luz, emerxencia que antes se resolvía buscando unha embarcación.
Unha veciña moi singular da Illa de Arousa é Benita García, que foi mariscadora e que conta a enorme ledicia que supuxo para ela a construción da ponte, aínda que confesa a súa nostalxia da forma de ser da xente antes deste fito.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: