CRTVG

Buscar

Vivan as tardes!

Programa 89

12/03/2018 17:30 h

Paco Mi Vida, o primeiro convidado do “Vivan as Tardes!”, é un personaxe. Con aspecto de home bonachón e o seu chaleco e pantalóns de pana, é un gran contador de historias, de contos e de chistes. Fala amodiño e con retranca e recoñece que o apodo de “mi vida” lle vén de seu tataravó. Dedicado toda a vida á carpintería, a fama chegoulle xa de maior, despois de participar nun concurso de chistes da TVG.

Pilar ten 70 anos, pero o entusiasmo dunha muller de 30. Di que na Lama se aburre un pouco, pero que lle tira a familia, as fillas e os netos. A súa vida está en París, onde pasou máis da metade da súa existencia, traballando nalgúns dos edificios máis emblemáticos, como o Sacre Coeur e Notre Dame, facendo roupa para o clero, tapetes, panos e ornamentos que adornaban as basílicas. Agora vive cun pé aquí e outro alí, e segue cosendo e axudando sempre que a chaman. 

A vida que tiñan prevista para Martín, fillo de hostaleiros do Grove, non acababa de “cheirarlle” ben. Malia que acabou os estudos de Hostalería, decidiu converterse, tras moito estudar, en artesán perfumeiro. Hoxe é único facendo perfumes persoalizados diante do cliente: só hai que saber a que queremos ulir para que da alquitara e das súas mans saia un perfume único.

José e Susana, de Ourense, forman unha parella máxica. José comezou hai 12 anos a dar os primeiros pasos nunha disciplina que lle apaixonaba de sempre. Nin el mesmo era capaz de crer no que hoxe é capaz de facer: hipnose, mentalismo e un mundo cheo de ilusión. Como por arte de maxia coñece a Susana, nun dos seus espectáculos. Aí atopáronse como parella dentro e fóra dos escenarios.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: